O xiro, de Noelia Gómez

O Andel. O_xiro_Noelia_GomezRomán Arén. Noelia Gómez (Rianxo, 1995), xornalista e especialista en literatura comparada, obtivo con este poemario o V Premio de Poesía Gonzalo López Abente. O xiro, o movemento que vencella o “cortar o embigo / e enterrar o corpo”. Pero se “nacemos suxeitando a morte”, verso co que remata a obra, a autora vainos guiando polos arames dos lugares, mais verquéndolles unha outra mirada: “chegará o día / no que o mar / inunde toda a praza”. O coñecido estráñase, móvese, acompaña os desexos do corpo, nese “querer derruba paredes”, a saudade da infancia, sempre móbil na mirada. A necesidade da escrita para comprender ese mundo das mulleres que “non viaxan / non comen fóra / non bailan / retan o medo”. A poeta ergue, dende a fala, unha casa que pretende manter o equilibrio coas palabras, pero a ferida sangra “na gorxa os cristais da mañá / que te vin defunta / no cuarto branco / o sío máis frío”. Porque o que nos proe, queima, “arde o impronunciable”. A realidade está aí (o cordel, a cociña de ferro) nas cousas pero tamén aí aboian, xiran, a soidade, a dor, o choro, a “espiña nos ollos”. E aínda que “precisamos ás”, un non pode evitar falar de elexía na primeira parte do volume, “Contorno”, mentres que “Eixe” amosa máis o conflito, o compromiso, “caen follas no corazón / espiñas de estranxeira”. O libro non só merece lerse, merece unha reflexión atenta.

 

 

Un comentario en “O xiro, de Noelia Gómez

  1. Boa tarde, don Jesús (perdona esta referencia propia de vellos coma min). Agradezo enormemente a referencia que fas de este libro. Ten unha pinta estupenda. Desde logo penso ir mercalo. Sei que ti tes bo ollo para a poesía. Só agardo que sexa outra autora para formar parte desa magnífica constelación de poetas mulleres que temos na nosa terra, do cal da testemuña, penso eu, ese dobre premio que acaban de recibir Olga Novo e Alba Cid. Gracias.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>