La hondonada, de Jhumpa Lahiri

la-hondonadaXerardo AgraFoxo. Malia que naceu en Londres, pasou a mocidade en Rhode Island e, na actualidade, vive en Roma, Jhumpa Lahiri é unha escritora que sempre reflicte nas súas obras a orixe bengalí dos seus pais.  No ano 2000, cando só tiña 32 anos, gañou o Premio Pulitzer pola novela Intérprete de emocións. Despois publicou El buen nombre, levada no 2006 ao cine por Mira Nair. O seguinte libro, Tierra desacostumbrada, foi considerado como o mellor do ano 2008 polo New York Times. Nas tres obras trata os dramas dos indios que loitan pola súa vida e o desarraigamento que sofren no mundo norteamericano.

A súa última obra é La hondonada, novela finalista dos Premios Booker e National Book Award. Nela conta a historia de dous irmáns bengalís, Subhash e Udayan, que viven nun humilde arrabalde nos anos posteriores á saída dos ingleses da India. Cando semella que as súas vidas seguirán destinos paralelos –ao redor dunha fochanca que se asolaga na época dos monzóns– o compromiso de Udayan para liberar Bengala do estado indio,  provocará que os seus camiños se afasten inexorablemente. E cando a traxedia irrompe nas súas vidas, Subhash marcha para Rhode Island, circunstancia que aproveita a escritora para narrar –unha vez máis– o conflito existencial que ocasiona a adaptación a unha cultura tan diferente.

jhumpa lahiriA novela lese con interese pola súa prosa coidada e unha narración que avanza sen sobresaltos, asemade se recorda o pasado dos dous irmáns cando respiraban o aire morno da súa terra e corrían polas rúas labirínticas de Calcuta. Os capítulos son curtos e os diálogos breves e explicativos. Ademais, o seu argumento camiña sempre polo vieiro das emocións humanas, o azar que nos espreita e a controvertida historia da India, ese mundo tan sensual e fascinante.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *