Xerardo AgraFoxo. Precedida polas excelentes críticas que lles dispensaron no seu día o New York Times, The Guardian e o Club de Lectores de Oprah Winfrey, acaba de chegar ás nosas librerías esta obra dunha escritora francesa que medrou no seo dunha familia xasídica satmer, unha comunidade ultraortodoxa fundada no século XVII en Hungría e que, entre outras cousas, nega a existencia do estado de Israel, arranxa o matrimonio entre os seus membros e restrinxe o contacto físico mesmo entre o marido e a muller.
O argumento comeza na II Guerra Mundial, cando un neno, Josef Lichtenstein, é testemuña do asasinato da súa familia a mans dun garda romanés. Salvado pola criada, que o bautiza e o fai pasar por fillo seu, cinco anos despois el mesmo salva a Mila, unha nena xudía que sufriu unha experiencia semellante. Mentres a nena é educada por Zalman Sterm, un líder da comunidade xasídica, onde vivirá estreitamente unida a Adara, a primoxénita da familia, Josef emprenderá un camiño moi diferente noutras terras.

O libro ten como base argumental a traumática experiencia da autora. Ela sufriu nas propias carnes o rigorismo do integrismo relixioso ata que conseguiu, cando soamente tiña 19 anos, fuxir do seu fogar para evitar un matrimonio forzado. Unha alternativa que lle significou perder a súa familia para sempre.
Seguramente se converta axiña nun best seller, dadas as gabanzas arriba indicadas e o atraente argumento –unha historia de amor e liberación, segundo ELLE–, pero a narración non é cativadora, os personaxes apenas teñen consistencia e a resolución da trama semella pouco convincente.
Ti verás?