Sentadiña quedei

Prueba2Marina Losada Vicente. Sentei, vaia se sentei! Non quería, mais sentei. A vida é así. Un día manteste ao alto, erguida, segura… orgullosavitaldigna, e ao outro día, caes diante do esmagador peso da  física. Durante o último ano, a cousa fórase dificultando, non podo dicir que me colleu desprevida, mais si que me sentín… como dicilo… desinflada.

-Vellos son os trapos- repetía miña avoa, se adxectivabas así a alguén. De aí que eu me sentise maior, en lugar de vella. Que me sentise á boia… en lugar de afundida. Que me sentise… que caramba, que me sentise minguada, como se me roubasen unha parte de min!

E mira que o intentei! Puxen toda a intención. Os pés separados, en liña coas cadeiras, as dedas cara adiante, para asegurar o equilibrio, as pernas un chisco dobradas, para non facer traballar en demasía aos xeonllos. Movementos lentos, harmónicos, sincronizados coa respiración. Quen me observase, pensaría que executaba, na soidade do meu cuarto, algunha táboa de ioga.

Semanas facéndoo así -doutra forma non ía-, leváronme a pensar que tiña a técnica dominada. Pero hoxe… varios intentos, mirando de esguello o reloxo, acabaron coa miña paciencia, obrigándome a aceptar a realidade: Imposible sosterme en equilibro sobre unha soa perna. Incapaz. Impotente. Sentei na cama. Si, señora, sentei! Ou iso, ou saír á rúa sen calcetíns.

3 comentarios en “Sentadiña quedei

  1. Primeiro, para non esquecerme, parabéns,Magdalena. E segundo, os anos non se teñen, téñente eles a ti. Eso de que o malo da vellez é que che colle vello é moi acertado. Bicos.

  2. Aquí dicimos: “Vellos son os camiños”.
    Pero a verdade é, que a area do reloxo vai escurríndose pouco a pouco mentres vamos encarando os azares de cada día.
    Eu hoxe estou de cumple, e a verdade é, que ao esternocleidomastoideo xa lle custa máis traballo facer revirar o pescozo que ao ano pasado.
    O malo da vellez e que colle a un vello. Aínda que para algunhas cada ano que pasa teñen tres menos.
    Pero ti non te queixes, Marina, aínda che queda moito que leirar para chegar á miña idade.
    Que sigas poñendo moitos anos os calcetíns aínda que a cama che sirva de apoio.
    Moitos biquiños palmeiráns, e segue escribindo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *