Son eu, sabes?

7f1ba29d-0888-4a5e-a213-699402c076f0Ramiro Ouviña O. (A Sabela Alda Cons Ouviña, o mellor, sen dúbida, do 2020). Entro no cuarto camiñando como se o chan fosen febles nubes, con coidado de non alterar aquel espazo que lle pertence. O claroscuro proporcionado pola persiana paréceme esaxerado pero “os que mandan” aquí só me permiten alivialo un pouco, o xusto para que a poida ver.

E míroa con ansia, tratando de atopar o sinal do que nos une dende máis aló do tempo, que nos fai un.

Busco nas engurras da súa fronte un recordo, a razón –posible– das miñas.

Detéñome no abano que se abre nas comisuras dos ollos, igual, talmente, paréceme, ao que vexo, e nego, no espello das mañás, e acepto, derrotado, no das noites.

Miro agora a cara, enteira. Penso que se a certeza non vén das partes, pode que veña do todo. Pode que atope nos seus acenos incontrolados o común que busco, que preciso. Que quero.

Mergúllome no profundo dos seus ollos, que me miran pero sei que non me ven.

Acariño as súas mans, que de cando en vez se moven espasmódicas, quen sabe se ceibes de vez ou rexeitando as miñas, xeadas polo frío do inverno.

Dende a certeza de saber que cada intento está destinado ao fracaso, volvo intentalo de novo. O que perdo en cen derrotas non sería nada comparado con unha vitoria, aínda que fose breve, efémera.

Acércome ao leito e, con sumo coidado, acubillo nas miñas as súas mans de fráxiles dedos e, mirándoa aos ollos, farfallo, arroutado: Ei, como estás? Son eu, sabes?

De súpeto todo parece cadrar: a cabeza volta cara a min e os ollos semellan buscar a voz, esquecida, nova; as mans móvense como ás no ar, e os ollos míranme como se me recoñeceran.

Agardo, pero o milagre non se dá. O lóstrego foi apenas a luz dun misto. E saio acompañado dun berro, unha queixa.

Na porta coincido coa miña filla que entra sorrindo:

—Ten fame, papá! Verdade que se parece á irmá?

Asinto sen falar ao tempo que penso «Á irmá? Cuspidiña a min. Dígocho eu!».

4 comentarios en “Son eu, sabes?

  1. Fermoso Ramiro. A sensación é tan forte que me parece que as palabras non as tiveche que buscar moito e que saíron do corazón case sen querer. Noraboa. A rapaza e ben feita. En canto o dos parecidos e sin ter os datos necesarios para contrastar, gostaría de discutir contigo ese particular cun viñiño por esas terras… Unha aperta.

    1. Grazas Moisés. Agradezo moitísimo tódolos comentarios, que para min son fermosos agasallos, pero vindo de ti fágoo especialmente. En canto ao viño, déixame crer que aínda pode ser máis de un. Apertas.

  2. Grazas Magdalena. O nacemento dun fillo, dunha neta, é, máis aló do texto, un milagre. Nada hai máis fermoso, máis humanamente comprometedor.
    E grazas, moitísimas, polo teu comentario.

  3. ¡ Qué bonito, Ramiro !
    Moitas veces hai máis relixiosidade nesta Cafetería, que en moitas igrexas.

    Moita saúdiña para esas pequerrechas e para seus país.

    Saudos dende Palmeira

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>