Suso de Toro entrega nova novela, pero non falarei dela

Suso de Toro1 (1)Pilar Sampedro. Suso de Toro pode ser, ao meu entender, o máis aproximado á imaxe do intelectual critico e comprometido do noso país. Conserva íntegra a disposición a ilusionarse cada vez que descobre unha personalidade fóra do normal, unha idea valiosa ou unha iniciativa poderosa. Garda intacta a capacidade de asombro e mestúraa con todo o que leva estudado e reflexionado sobre o vida. Todo o saber arredor dos mitos e a súa aplicación á actualidade dálle unha poderosa visión que nunca deixa de sorprendernos. El é ese home vulnerable e contundente que botamos de menos na Real Academia Galega; estamos seguras de que darán atopado algunha desculpa para pospoñer o seu ingreso, incluso soprando cinza sobre os nomes das mulleres.

Se nos preguntasen quen non deixariamos de ler un artigo de opinión no xornal, contestariamos que deste intelectual ao que non lle dá medo equivocarse. Tamén é certo que a el non lle importa queimarse nas redes, pero a nós apesáranos non poder lelo co espazo e a calma que permita a reflexión na escrita e na lectura. Non, non teme errar, prefire facelo antes de permanecer nese limbo no que acostumamos ver a outros e outras que levan a roupa enxoita, a pesar de certos espaventos momentáneos. Por iso, cada vez que publica dános unha alegría, porque sabemos que nunca é máis do mesmo.

Máis de vinte libros publicados e cunha obra estudada en varias universidades estranxeiras fálannos dun autor cun percorrido vital ben interesante. Ao longo duns anos foi escritor profesional pero o maltrato dos medios de comunicación e a crítica, castigando as súas declaracións políticas, lévano a pechar esta etapa. En 2010 volve ao ensino, tal como confesou, con toda a humildade e o interese por facelo ben, implicándose no que traía entre mans, tal como pode verse a través das publicacións realizadas neste tempo e ata a súa xubilación. Agora imos recuperando o escritor de longo alento, que non escribe extenso máis que cando a obra o require, pero que precisa tempo para debullar e atopar ese aroma que nos gusta descubrir no libro, tal como o tesouro do mapa.  Por citar tres libros, a min a obra xuvenil Conta saldada tróuxome unha imaxe do narcotráfico galego nesa muller de aldea (case de pano á cabeza) que ameaza ao seu home traficante cun fouciño (onde se viu imaxe máis nosa?), Home sen nome descubriume que o nazismo alemán percorría as rúas da miña cidade sen pudor (incluso conservando os apelidos orixinais), Sete palabras faloume dunha maneira de transformar a vida en escrita con todas as consecuencias,  Fóra de si viña cun arrecendo highsmithiano na falta de ética dun personaxe, contando seguido e sen inmutarse o que se pode manipular no nome da supervivencia; ninguén o dixera tan claro entre nós. Agora, agardo abrir Un señor elegante para entrar neste novo territorio.

Un comentario en “Suso de Toro entrega nova novela, pero non falarei dela

  1. Ese “home vulnerable e contundente” posiblemente non quixese ser membro da “Docta Casa de la Lengua” coma aquel don Pascual que nos relataba Pérez Zúñiga.
    Académico han nombrado
    de la Lengua a don Pascual,
    cosa que le ha disgustado
    porque grita muy enfadado,
    ¡ Caramba ! ¿ Escribo tan mal ?

    Cariñosos saúdos dende Palmeira, Pilar.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>