Federico García Lorca en Santiago de Compostela, de Henrique Alvarellos

LorcaPilar Sampedro. Henrique Alvarellos é un deses cidadáns indispensables. Na solapa deste libro preséntasecomo escritor, editor e promotor cultural. Todo é certo: este libro está escrito e publicado por el baixo o selo familiar Alvarellos, unha empresa que creara o pai no Lugo de 1977 e que agora dirixe el en Compostela. Promotor cultural tamén, porque parte da súa obra está dirixida á recuperación de feitos e lugares que pon en valor, basta con mirar Santiago, 1909 (a crónica da Exposición Rexional Galega), Os últimos carballos do Banquete de Conxo e Balada ceibe no bosque de Conxo, que xiran arredor do bosque onde se celebrou o célebre banquete e que hoxe está recuperado grazas ao empeño deste activista.Agora preséntanos a crónica das estancias de Lorca en Santiago, documentándoas con precisión matemática para engadir aos traballos anteriores que conforman o seu universo lorquiano: El gran viaje de estudios de García Lorca, a edición facsimilar de Seis poemas galegos, e a tradución de Medio pan e un libro (a conferencia de Lorca na inauguración da biblioteca de Fuente Vaqueros).

Nesta entrega, Alvarellos consegue transmitirnos o sentimento do poeta andaluz ante Galicia. Esa forma na que se sente abraiado e hipnotizado ante a fermosura dunha paisaxe, unha cultura e unha lingua tan afastada da súa. O “duende “ que atopa na cidade animarao a permanecer nela para poder crear, para expresar a emoción que lle inspira. Lorca está impresionado, tamén, pola poesía de Rosalía e pola cidade na que remata un camiño de estrelas.

Na Quintana, a que define como praza-butaca, queda pasmado. Alí, onde tiveran que parar a función da Barraca a noite do 24 de agosto de 1932 cando a Berenguela tocou as once badaladas, declarou: “Aquí quixera quedarme a repousar toda a vida”.

Nunha entrevista que lle fai Lence, en Bos Aires, para El Correo de Galicia, en relación a Santiago, declara que aínda quedan voces lavadas nas pedras milenarias, abrasadas polo sol e puídas pola auga, dos peregrinos que viñan en busca de saúde física e espiritual; e continúa: “Compostela e a paisaxe galega… Como non han de xurdir poetas cheos de vigor e de tenrura destas formas tan formidables? Á miña chegada a Galicia, elas apoderáronse de min en forma tal, que tamén me sentín poeta da alta herba, da chuvia alta e pausada. Sentinme poeta galego, e unha imperiosa necesidade de facer versos, o seu cantar obrigoume a estudar a Galicia e o seu dialecto ou idioma, para o marabilloso é igual…”.

Conclúe Alvarellos que os seis poemas galegos son os versos, no noso idioma, máis reeditados e difundidos do século XX, os únicos versos que Lorca escribiu noutro idioma que non fose o seu, comezan e rematan con na cidade de Santiago e polo tanto é o libro compostelán en verso máis difundido polo mundo.

Remata o libro coa proposta da celebración do Día de García Lorca en Galicia. O dito, Alvarellos é, sen dúbida, un verdadeiro promotor cultural.

Un comentario en “Federico García Lorca en Santiago de Compostela, de Henrique Alvarellos

  1. Bos días Pilar:

    Da gusto abrir o ordenador e toparse con artículos así.
    Ti non lle negas pares a “Alvarellos” porque tamén eres unha verdadeira suscitadora cultural.

    Cariñosos saúdos palmeiráns.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *