Aproximacións a Manoel Antonio (IV)

978849485535X. Ricardo Losada. Vou abordar agora a máis difícil e desagradable das entregas desta serie de reflexións sobre o libro de Xosé Luís Axeitos Aproximacións a Manoel Antonio (Axóuxere editora). Prometinme suscitar un debate racional e fértil, renunciando a recorrer a cuestións persoais que un profesor serio de filosofía, como eu pretendo ser, non debera empregar. Pero, neste caso, e sen que sirva de precedente, advirto ao lector, vou acabar este texto contando unha anécdota real que me pasou co profesor Axeitos, e sacando algunha conclusión máis dura do que me gustaría, pois o profesor Axeitos intenta pisarme no penúltimo capítulo do seu libro, Bosquexos biográficos de Manoel Antonio, e se alguén intenta pisarte, por simple dignidade persoal, debes responder con firmeza.

Aclararei antes que sei que neste tipo de polémicas adoita haber tres tipos de reaccións. Nun estremo, aqueles que optan por un dos contendentes por amizade ou inimizade, afectiva ou ideolóxica. Noutro, aqueles que consideran estas polémicas simples loitas de egos para conseguirlles ás súas estatuas as mellores vistas da vila. Por suposto, eu non escribo estes textos para ningún deses extremos, senón para aqueles que, independentemente das afinidades afectivas ou ideolóxicas, e independentemente de que pensen ou non que hai un conflito de egos, len os libros e queren chegar a unha conclusión por si mesmos coa maior información posible.

Vaiamos, sen máis dilación, con ese capítulo.

Nel, tras presentarnos unha entrevista que lle fan á nai do poeta ao final da súa vida, Axeitos analiza, outra vez en diálogo co meu libro sen citarme, a relación de Manoel Antonio coa nai. Non podo tratar agora esas cuestións, pero hai algunhas nas que, desde a discrepancia, recoñezo que as consideracións de Axeitos son dignas de consideración. Por exemplo cando di que, a pesar de medrar sen pai, na educación de Manoel Antonio “non se alterou en absoluto” o modelo hexemónico de masculinidade xa que o papel do pai foi asumido polo avó paterno e o tío sochantre. É evidente que esa expresión de non se alterou en absoluto é moi desafortunada, e debía matizarse. Axeitos cre que a figura dun pai pode substituírse como se substitúe unha lámpada por outra. Morre o pai, poñemos o avó a facer de pai, e problema solucionado. Pero insisto. Hai debate.

Porén, o que quería tratar neste texto, non é iso, senón os parágrafos finais dese capítulo. Despois de falar da relación de Manoel Antonio coa nai, Axeitos conta unha anécdota. Nun xantar entre amigos André Breton comenta a propósito de Antonin Artaud: O seu libro (Voyage au pays des Tarahumaras) é admirable pero onde remata a visión do poeta e empeza a das drogas? E, de seguido, di (perdoe o lector a longa cita, pero é inevitable pois non quero que alguén pense que manipulo as súas palabras):

 

As drogas que empregaban os tarahumaras, o peiote entre outras, eran plantas alucinóxenas, cactáceas, moi consumidas en cerimonias relixiosas. Outros escritores, nesa relación entre literatura e malditismo, empregaron opio, alcol, heroína, cánnabis…

Pero hai tamén outras drogas, aquelas producidas pola influencia intelectual de determinadas teorías, que tinguiron de enfermidades as biografías dos artistas europeos. Refírome concretamente aos denominados complexos psicolóxicos teorizados por Carl Jung e Sigmund Freud a principios do século XX. Ao consideraren a biografía como xénese das patoloxías mentais, esta premisa fundamental dos estudos freudianos patoloxizou as culturas e os artistas europeos e atopou, desde posicións reaccionarias, explicación doada a toda heterodoxia revolucionaria no campo da creación. O artista, sentado ou deitado no diván, é un paciente indefenso ao arbitrio do biógrafo que proxecta as súas propias frustracións sobre o doente indefenso, impedindo que sexan os pensamentos, o xenio persoal e a cultura adquirida as xeradoras da súa obra e das súas ideas.

Un escritor que non intúa no mundo unha dimensión escura, enigmática, moi dificilmente se sentirá con azos para emprender unha obra renovadora. No caso de Manoel Antonio ocorre así e non debemos empregar drogas ou sentimentos corrosivos para patoloxizalo e poñelo a disposición do complexo de Edipo, como fixo Camille Mauclair con Charles Baudelaire ao escribir a vida amorosa do escritor francés no ano 1927. Reeditada esta recentemente, volveu adquirir categoría de droga polas imitacións e imposturas que segue a espallar.

 

Permita o lector que, antes de comentar esa longa cita, a traduza á linguaxe común, pois Axeitos intenta disfrazar intelectualmente o que non é máis que unha sarta de insultos á miña persoa é á miña obra, pois vén dicindo que eu, un reaccionario, é dicir, un facha, escribín unha merda de libro cheo de imposturas e falsidades e fantasías coa única fin de difamar unha boísima e xenial e revolucionaria persoa inventándolle enfermidades mentais, é dicir, tratando de facelo pasar por tolo, e por mala persoa, e, por riba, aproveitando que non podía defenderse. Lendo esa cita é inevitable deducir que o ego de Axeitos debeu sufrir moito (pero moito) lendo a miña biografía. Só así se entende que non opte por desprezarme coa indiferenza (pasar de min por irrelevante) ou por insultarme á cara, senón pola cuadratura do círculo de desprezarme coa indiferenza e por insultarme á cara ao mesmo tempo. Direino con claridade e firmeza: non se pode caer máis baixo. Pois calquera que lea a miña biografía e esas palabras de Axeitos saberá que son froito, non da indignación ética que sinte pola miña visión de Manoel Antonio, como el quere facernos ver, senón por algún sentimento corrosivo que, por respecto aos lectores, non vou mencionar. Limitareime a recomendarlle a Axeitos que vexa a película Amadeus, de Milos Forman. Non porque eu sexa Mozart, desde logo, pero si porque el é Salieri.

51xmjfuMVpLComprenderá o lector, xa que logo, que me custe contestar semellante libelo (só pretende sinalarme como traidor á cultura galega, para vetarme, como xa me ten pasado, nalgúns institutos ou nalgún libro) co sangue frío dun filósofo. Intentareino, de todos xeitos. Cun aviso previo. Eu non vou crerme máis listo do que son con estratexias de Papa preconciliar. Vou chamarlle ás cousas polo seu nome. E, sobre todo, vou dicir a quen me dirixo.

Aí van, xa que logo, algunhas consideracións.

Primeira, e máis importante. Por que unha persoa como Axeitos, con todo o éxito do mundo na súa carreira intelectual (académico, catedrático e respectado investigador), pode cometer a vileza de negarse a citar o nome da persoa e do libro que está a desprezar? Como pode unha persoa dese nivel cultural, que pensa ademais que a cultura nos fai necesariamente bos, ser tan irrespectuoso co lector? Ocórrenseme mil hipóteses que non vou revelar por respecto a min mesmo, á educación que me deron meus pais, á familia de Axeitos (á que aprecio moi sinceramente) e aos nosos comúns veciños de Rianxo. Só recordarei unha cousa. Castelao, a pesar das diferenzas estéticas e éticas que tiña cun mozo e ousado Manoel Antonio, e habendo unha distancia de prestixio, ascendencia e influencia moito maior da que hai entre Axeitos e un servidor, debatía co poeta en pé de igualdade e, sobre todo, chamáballe polo nome. Porque, se ese desprezo se debe a que Axeitos non considera digno o meu libro, direille que poetas e escritores de primeirísimo nivel en Galicia, e de xeracións e ideoloxías moi distintas, como Antón Riveiro Coello, Antonio García Teijeiro, Alba Cid ou Xosé Luís Franco Grande, gabaron publicamente con entusiasmo o meu libro. E críticos tan respectados como Armando Requeixo, Manuel Gago, Montse Dopico e Ramón Rozas tiveron a ben comentalo con respecto crítico na prensa, ademais de ser recomendado por cinco escritores e profesores universitarios á prestixiosa editorial Galaxia que acabou publicándoo. E, sobre todo, algúns poetas novos e lectores fervorosos de Manoel Antonio que me agradeceron en privado unha visión tan ousada e valente e estimulante. E todos eles coinciden nun trazo que ninguén lles pode negar. Un profundo amor por Manoel Antonio e pola cultura galega.

Segunda. É alucinante a ousadía que o profesor Axeitos amosa nese texto, meténdose en temas que é evidente que só coñece dos apuntamentos que estudou hai máis de corenta anos para a oposición e que, polo seu inxente e moi eloxiable labor de especialista nun único tema, non tivo tempo nin de repasar. Non hai na miña biografía de Manoel Antonio ningún uso de conceptos freudianos (mesmo digo que renuncio a usar o complexo de Edipo) ou de Jung, agás, por razóns obvias, eses mecanismos de defensa que o propio Axeitos utiliza, suponse que sen sabelo, cando di que eu proxecto as miñas frustracións en Manoel Antonio. Xa que Axeitos suscita este debate como unha discusión pedante de taberna, direillo en termos tabernarios: Mil euros por cada concepto de Jung ou de Freud que atope no meu libro.E un millón de euros por cada enfermidade mental que eu lle atribúa a Manoel Antonio.

Nesa mesma liña, pero con máis gravidade intelectual aínda, está a afirmación de que teñen que ser os pensamentos, o xenio persoal e a cultura adquirida, e nunca a biografía, as que expliquen a obra e as ideas dunha persoa. (Se vos parece inaudito que un intelectual diga iso en pleno século XXI, volvede ler o texto. Creo que non o terxiverso). Á marxe de que Axeitos descoñece os principios básicos da teoría da evolución biolóxica, da xenética, das neurociencias, da psicoloxía e da psiquiatría, da socioloxía ou da antropoloxía, imprescindibles na actualidade para coñecer o ser humano, o que máis me estraña é que renegue das achegas máis elementais do materialismo histórico, el, co que coincidín moitas veces en gabar algunhas das contribucións de Marx, e invoque o idealismo romántico máis rancio, sen dúbida debido a que había de ser a moda dos departamentos universitarios cando preparou as oposicións.

Terceira. Da mesma forma que a Axeitos, a min tampouco me gustan, por pouco científicas, as interpretacións de Freud e de Jung, interpretacións, por certo, que non se utilizaron só para patoloxizar revolucionarios, senón todo tipo de persoas. Non me atrevería a descualificalas como fai el pois coñezo persoas que respecto intelectualmente que as consideran categorías hermenéuticas válidas, e como o meu coñecemento do tema non é, desde logo, o dun especialista, o meu código ético esíxeme prudencia nas miñas valoracións. Pero no que non podo estar de acordo con el (mesmo me deixou abraiado cando o lin) é que dea a entender que Manoel Antonio é un doente indefenso. Home, de calquera morto que falemos, ben ou mal, non podemos agardar que dea a súa opinión, pero supoño que non por iso debemos deixar de falar deles. Entre outras cousas, cargariámonos toda a memoria histórica, mellor dito, toda a historia. E, por outra parte, non creo que Manoel Antonio sexa precisamente un autor que careza de defensores, e defensores vixiantes e apaixonados. O propio Axeitos, que é académico, recordémolo, dedicou a súa vida a crear un cordón sanitario ao redor da súa figura, e escribiu o libro que agora comentamos, non para aproximarse a el, senón para defendelo dun tipo que proxecta nel as súas frustracións. Mesmo se chegou a escribir un manifesto, con moi bo tino naquel momento, titulado Sacade as vosas sucias mans de Manoel Antonio. De feito, é un dos acontecementos da cultura galega que eu máis valoro. A complicidade de todos os que amamos a poesía e a figura de Manoel Antonio.

Cuarta. É tamén moi sorprendente que Axeitos considere que Manoel Antonio non intuía no mundo unha dimensión escura e enigmática. Pero é unha afirmación de tal gravidade na interpretación do noso poeta que, por non estender máis este texto, xa de por si excesivamente extenso (porque está pensado para persoas verdadeiramente interesadas no tema, non para rexoubeiros ou fanáticos), deixareino para unha quinta aproximación.

Quinta. (AVISO AO LECTOR: VOU CONTAR A ANÉCDOTA PERSOAL). Axeitos e eu fomos amigos. Pero un día (antes da publicación das nosas biografías) esa amizade rompeu tomando un viño nun mesón. Falando con outras dúas persoas sobre Manoel Antonio, Axeitos dixo literalmente: “Manoel Antonio odiaba a nai. Non me estraña, el, tan revolucionario, ela, tan conservadora”. Eu atrevinme a opinar con prudencia: “Xa sei que ti tes máis información ca min sobre o tema, pero eu creo que a relación era máis complexa ca iso”. Púxose como un energúmeno, chamoume Facha e outras simplezas e deu por rematada a conversa e a reunión, sen poder evitar, por suposto, que eu lle respondera (perdendo un pouco as formas, recoñézoo) como merecía. Non volvemos falar nunca máis. Agora, no libro que acaba de publicar, escribe: “A profunda admiración, respecto e cariño de Manoel Antonio cara a súa nai foi tan exemplar como xenerosa se temos en conta o modelo cultural do seu tempo”.

Aledoume moito ese cambio e, neste caso, non lle vou reprochar que non me cite. No debate intelectual non importa quen é o primeiro en ter unha idea boa. O único importante é que sementemos o mundo con ideas boas, e que sirvan para que o sentido común e os coñecementos estean ao servizo da verdade. Telo conseguido é para min un orgullo íntimo, recoñézoo, e con iso confórmome, e animo a Axeitos a que, cando lle pase o enfado e o resentimento, volva ler o meu libro. Asegúrolle que acabará asumindo máis teses miñas, como xa asumiu neste último libro a da relación coa nai e a da relación co anarquismo. Non porque eu sexa máis listo ou incisivo, nin mellor biógrafo, senón porque escribín a biografía para coñecer como era realmente Manoel Antonio, non para mitificalo nin para deprecialo converténdoo no meu alter ego.

En fin. É evidente que Axeitos me chama reaccionario para que os revolucionarios admiradores de Manoel Antonio aos que el cre dirixirse, e que debe tomar por parvos e súbditos da súa Autoridade, se poñan en contra miña. Porque ese é o problema de fondo. Axeitos considera Manoel Antonio un revolucionario anxelical só preocupado polos mariñeiros, os emigrantes e os perdedores da historia porque tamén se considera a si mesmo un revolucionario anxelical só preocupado polos mariñeiros, os emigrantes e os perdedores da historia. Non lle vou negar o dereito a crelo. O que si lle nego é o dereito a dicir, por riba, que son eu o que me drogo.

5 comentarios en “Aproximacións a Manoel Antonio (IV)

  1. Querido profesor:

    Ayer por la noche subí en este Café un comentario a tu última y extensa entrada. Por más que lo busqué no apareció por parte alguna. Intenté subirlo una segunde y hasta una tercera vez, encontrándome siempre con la misma respuesta.
    Esto es lo que pone: “Detetouse un comentario duplicado, parece coma se xa dixeras iso!”
    No entiendo nada. En fin…
    Un abrazo.

  2. As estatuas pasan frio, móllanse ca chuvia e no verán morren de calor. Non paga a pena estar así representado. Os fermosos ocasos de Rianxo, mellor velos en vida desde a terraza da casa.

    O tóxico se non mata, convértese en antídoto.

    O encrucillado ás veces vólvese tan teimoso coma o eco; sempre ten a última palabra.

    Unha aperta.

  3. Prezada Magdalena:

    Sei que con este texto a miña estatua ten menos posibilidades de conseguir as segundas mellores vistas (Castelao é inamovible) dos fermosos ocasos de Rianxo. Pero tamén sei que teño menos posibilidades de que me caia enriba en vida esa estatua.

    Polo demais, oxalá todos os problemas do mundo fosen coma este.

    Agardo que deras conta do encrucillado como merece.

    Renovadas e agradecidas apertas!

  4. Buenas tardes, querido profesor:

    Preferiría decir buenos días porque esta no es mi hora, pero las obligaciones están por encima de las devociones.

    Camino del hospital te he ido leyendo – como siempre en alta voz para compartir texto y opinión – y tuve que rematar tu entrada a la vuelta, pues debido a lo dilatado del mismo, no tuve tiempo de acabar y tampoco de digerir ciertas partes. En el móvil no es fácil como en el ordenador.

    Al llegar a la quinta consideración, comprendí ciertas cosas. Le ocurre a cierta gente, que si no eres cuadriculado como ellos lo son, desarrollan ese desagrado personal y saben colaborar con la pérdida de la sensatez a la perfección, pues tienen el atrevimiento de considerarse como pertenecientes al parnaso. El rencoroso empecinamiento solo es digno de tango o milonguita.

    Bueno, gran borrador es el tiempo.

    El crucigrama me está esperado.
    Besiños palmeiráns.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>