Antonio Piñeiro. Leva, o noso admirado Manuel Facal, unhas semanas exposto nas paredes da casa do concello de Ribeira. Arte entre corredores, instancias, asuntos, números de rexistro e salas de espera, da man dos fondos do Museo do Gravado de Artes. Sempre me fascinou esa faceta dos oitenta e mais delachegar o taller de artista ás rúas, aos locais públicos, desburocratizar o branco dos organismos e as oficinas, compartir o peixe fresco dunha parede patela, dun andel de bar, de froitaría, de escaparate, escoller a sixtina inapelable que é calquera praza pública.
Agora chéganos a nova de que está a encher as beirarrúas do Hórreo, en Carballo. Está a meter o pensamento nos escaparates. Onde mellor? Aí onde adoito paramos, ollamos a nosa propia imaxe reflectida no vidro e preguntámonos: quen son eu?, que é isto? Seguro que lles sucedeu algunha vez. Quizais un vidro nostálxico e mollado pola última choiva. Aí a trans-forma, o pasadío, que non sei se xa estaba na idea de Manuel Eirín, o galerista co que comparte iniciativa, pero que, sen dúbida, sei que está no primeiro impulso de Manuel Facal.
Anque é certo que isto da presenza peonil vén de longo no tempo (é algo que está na esencia do oficio: nos retratistas da beira do Sena, nos ambulantes do Prado, nos acuarelistas populares, nos certames de pintura rápida ou no neno que mancha co dedo pintado un trapo e chama pola nai para llo amosar), ben poucas veces podemos atopar unha obra tan densamente conceptualizada compartindo espazo co cesto de ovos, coa estada de obra ou co cuño administrativo. Admiro a Manuel por moitos motivos, mais nomeadamente por iso. Aprendeume un feixe de claves da actitude artística.
Apaixóname de Facal a forza suxestiva das súas manchas, a espontaneidade intuitiva, o forte sentido harmónico (iso que semella tan sinxelo de estudar nas táboas cromáticas, pero que sempre é tan difícil de constatar sobre o papel ou o lenzo), a rapidez da conexión intelectual, a alegría do xogo compositivo, a fluidez da linguaxe, mesmo a escolla das formas, ese agromar do universo inacoutado que é o pensamento, sexa máis ou menos próximo ao recoñecible.
A pintura de Facal non é unha consecución, senón un comezo. Un estímulo pola forma, a cor, a textura visual e o significado que estas adquiren na diversidade de quen olla. El sábeo. O da diversidade e mais o do comezo. A pintura é un movemento da alma. Dicíao Erik Levesque, e semella que Manuel adoptase a expresión coma súa. Paso diante dun seu gravado, na porta da oficina municipal de atención ao cidadán, e de socato atópome familiarizado de estética, metido nese murmurio cotián dos seus andeis cómplices, incentivado ontoloxicamente para o paso peonil da rúa do Horreo, en Carballo, onde estou certo de que volverá suceder.