Hoxe, empanada

41RL-gVEHVL._AC_SY355_Mauricia Ces Quintáns. Empezou a chorar mentres sostiña o coitelo no alto. Antes, afiouno coa precisión dun cirurxián até acadar a milimétrica lisura do gume desexado; comprobou a tensión, o equilibrio. Examinouno dende a punta até as cachas. Baixo a luz fría da lámpada o espello da folla devolveulle un sorriso cegador inoxidable. Verteu a lixivia no estropallo; fregou con insistencia a táboa. Enxaugouna baixo a billa en varias augas; deixouna escorrer, e secouna co pano. Con coidado, depositouna sobre o mesado de mármore. Fóra, os nenos xogaban alleos á miluria que o vento lambía cara ao interior do patio. O barullo das risas estalaba amortecido na pedra e daba en se pegar ás paredes aterecidas de frío, neste día sen sol, sen paxaros. Neste día repetitivo de inverno que encollía os ósos mesmo dentro da casa, caldeada tan só coas hachas de carballo prendidas na cociña de ferro onde a tixola fumegaba. O pequeno durmía no cuarto.

Cun calafrío escoitou o ouleo do reloxo anunciar as doce na sala. Uns cortes lonxitudinais, unhas incisións profundas, rápidas; axiña, todo tería rematado. O ruído da campá tronaba nos seus oídos e unha nube de vapor envolveu a estancia. Non podía deixar de chorar. Os ollos picábanlle. Incapaz de conter o pranto, coa man que empuñaba o coitelo refregou as pálpebras. Aspirou os fluídos nasais. E coa volta do mandil, secou as bágoas.

6 comentarios en “Hoxe, empanada

  1. E sempre hai porque chorar, xa o di a tocada. Mellor que sexa con alegría e a fartar… de empanada. Unha de jábados!, que non se fixo nunca. Apertas, Ramiro.

  2. Oféndesme, Magdalena. O do Orient Exprés resulta pataca miúda en comparanza con este apaño de empanada occidental que outro ingrediente non terá, pero cebola… Claro que a ti iso déixache templada, dado os recursos personais dos que dispós (a xoia da coroa), e a túa habelencia para esquiar mismo na cocina, aínda que o sol arrabée.
    O de sexi, non digo nada por se escoitan os malos, pero vaia…, diría, que manda chover na Habana; polo das gafas…
    Apertas, divertida Magdalena

  3. Ai, qué susto, querida Mauri !!! pensei que estaba lendo algo semellante a “Asesinato en el Orient Exprés”.
    Caín da burra despóis cando lín o título.

    A mín a cebola pícama sempre J M. porque os meus delicados lacrimales tan pronto como ese ácido sulfúrico se pon en contacto cos ollos, soltan a chorro auga tan abundante coma a “ferradura” que seique se chama así a catarata máis grande do Niágara. Cando estou só, entón poño unas gafas de esquiar que xa tiña en Andorra. Se me viras que sexi estou…

    Un pracer coma sempre, Mauri, e… que a empanada aproveite a todos os comensais.

    Biquiños palmeiráns.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>