Neira Vilas no calendario do Libro e da Lectura

cartel_calendario_34x495_mais_3_de_sangue_rgbPilar Sampedro. Ao comezar o ano fíxose público o calendario do Libro e da Lectura 2021, cunha imaxe de Javi Montes, na que unha moza camiñante leva sobre a mochila a biblioteca que a acompaña. Ao lado do Día da Ilustración (conmemorando o nacemento de Castelao), o Día da Edición (no nacemento de Ánxel Casal) aparece por primeira vez o Día do Lector/a coincidindo co nacemento de Neira Vilas. É unha boa nova porque Memorias dun neno labrego segue a ser un libro con múltiples edicións dentro no noso sistema editorial (25 edicións e 100.000 exemplares en Ediciós do Castro, por poñer un exemplo), con moitas ventas pero, sobre todo, con moitos lectores e lectoras, dentro da nosa lingua, e vertido a outras moitas. Non podemos esquecer que pasada a moda de negación do rural, hai que volver a ese mundo, revisalo e lembralo para saber de onde vimos e, para iso, esta narración é un testemuño de luxo. Ademais, esta novela non só trae o coñecemento etnográfico e costumista (no mellor dos sentidos) senón tamén a rebeldía dese rapaz que un día decidiu enfrontarse á inxustiza cunha pedra (o que tiña a man); fíxoo coma un David, disposto a non consentir outro oprobio e, coa denuncia do asoballamento de clase, mostrounos tamén aquela outra humillación de falar unha lingua que non podía entrar na escola. Sempre lembraremos as palabras de Alonso Montero despedindo a Neira Vilas en Bonaval, declarando que ese día non só Balbino e os nenos labregos quedaban orfos senón tamén todos os desherdados do mundo, todos os marxinados que ante a opresión terán que rebelarse.

Débese ter en conta toda a obra de Neira Vilas pero sempre hai un lume que destaca na produción dun autor e no seu caso, Memorias acode con luz propia. As memorias dun rapaz que se pregunta e profunda sobre o que o rodea. Un libro do que pode falar moita xente do país, como fixo Miguel Anxo Murado ao recoller o Pedrón de Ouro lembrando as tardes nas que seu pai llo lía a el e a seu irmán. Ese libro que fixemos noso ata o punto de definirnos co seu comezo, como fixo Agustín Agra cando o chamaron de Xerais para notificarlle que ganara o Merlín (co seu primeiro libro) e, á pregunta de quen es, respondeu: “Eu son Balbino. Un rapaz da aldea. Coma quen di, un ninguén.” Porque hai comezos que quedan na memoria colectiva coma o do Quijote, Cien años de soledad ou este de Memorias.

O Día do Lector/a acáelle a Neira Vilas, porque nos deu de ler e porque seguiremos lendo e recordándoo sempre nese día… lendo.

2 comentarios en “Neira Vilas no calendario do Libro e da Lectura

  1. Estou de acordo de que esa narración é un testimoño de luxo. “Memorias dun neno labrego” voltará outra vez a mesiña de cabeceira cando acabe o que teño entre mans.

    Hai que ser valentes cos inxustos. Os xigantes coma Goliat, poucas veces resisten “os cantos” dun pequeno David.

    Non coñecía o Calendario do Libro e da Lectura. Interesante!!

    Cariñosos saúdos palmeiráns, Pilar.

    1. Alégrame que coñezas o calendario do libro e da lectura.
      Son unhas datas moi a ter en conta, como as próximas que semellan petarnos nas portas: o próximo domingo será o día da poesía e o sábado seguinte o do teatro… unha boa ocasión para centrarnos neses xéneros.
      Un saúdo agradecido

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *