O CASTRO, tamén na orixe da LIXG (Literatura Infantil e Xuvenil Galega)

Ediciós do Castro.  Logo das orixesPilar Sampedro. Dende o 30 de decembro está en Santiago esta exposición, que se inaugurou xustamente antes de que rematara o 2020, centenario do nacemento de Isaac Díaz Pardo. A exposición, comisariada por Heitor Picallo e deseñada por Martiño Picallo, está na Casa das Asociacións (antiga estación de Cornes), nunha sala que pode parecer humilde, igual que a exposición que consta de tres vitrinas con libros e 10 paneis coa información temática. Con todo, o lugar é o máis axeitado que se podería atopar para Isaac, no fogar das asociacións, alí onde debe residir a sociedade civil e onde el estaría a gusto por ser un digno representante desa sociedade activa. Foron as asociacións de Compostela as que lle fixeron unha das últimas homenaxes á que asistiu con Mimina, a súa compañeira. Por riba, esta casa está situada na rúa Manuel Beiras, un bo amigo de Isaac, que publicou neste selo –baixo o pseudónimo de Eubensei– as traducións dos Contos de Grimm en dúas escolmas e tamén Platero e máis eu, e foi artífice, tamén, de que María Canosa publicase en Ediciós do Castro e primeiro libro dunha longa carreira.

Con esta mostra, GALIX (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil) trata de recoñecer o apoio de Isaac Díaz Pardo, a través de Ediciós do Castro, a este libro que comezaba a rexurdir despois da longa noite de pedra. Creada a editora en 1963, será en 1968 cando, por unha carambola do destino, publique a primeira obra de ficción, Memorias dun neno labrego que, ademais, foi asumida pola rapazada, converténdose en literatura xuvenil, aínda que Neira Vilas non a escribira pensando neste lectorado. Só Galaxia se adiantara a 1966 para comezar esta andaina. A partir desta primeira novela, Ediciós do Castro abre catro coleccións pensando na infancia (Narrativa pra nenos, O mundo do neno, Poesía para nenos e Teatro pra nenos), publica verdadeiras xoias, descobre autoras que terán un longo percorrido (María Victoria Moreno homenaxeada coas Letras en 2018, Concha Blanco con máis de medio cento de libros no seu haber…), recolle firmas recoñecidas como Neira Vilas, Dora Vázquez, Anisia Miranda…) e publica traducións dos clásicos coma as citadas ou A meiga dona Paz. Ediciós do Castro acolle tamén os únicos premios de poesía e teatro Arume e Estornela da Fundación Neira Vilas, de cando a sociedade civil coa súa humildade compensaba o sistema literario. Nesta editora, ademais, créase unha iconografía no mundo da ilustración que está aí e será lembrada: Seoane, Isaac Díaz Pardo, Xosé Díaz, Vizoso… unha maneira de recoller a tradición máis enraizada e propia, amasala no forno da vangarda para elaborar un produto que nos identificara tamén no papel.

Unha exposición que tenta abrir unha fiestra a ese traballo non demasiado coñecido do Isaac editor. Por iso, quero recoller as palabras de Xosé Luís Axeitos: “Se hoxe quixeramos escribir unha biografía razoada da obra intelectual e social de Isaac Díaz Pardo, a mellor documentación informativa serían os fondos documentais da editorial que fundou.”

3 comentarios en “O CASTRO, tamén na orixe da LIXG (Literatura Infantil e Xuvenil Galega)

  1. Fun onte ver a exposición, xa ao límite do seu remate. Emocionante e moi boa . Debería ser de obrigada visita para o alumnado de instituto e xente que dubida do grande que era Isaac Díaz Pardo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *