Xela Arias ía en serio

25971236Fidel Vidal. No seu mellor momento creativo, e meses antes da súa desaparición aos 41 anos de idade, a editorial Espiral Maior saca a luz a súa derradeira obra: Intempéirome. Desde o comezo, con Demasiado equilibrio (1986), Tigres como cabalos (1990) e un agasallo ao seu fillo en Darío no diario (1996), na poética de Xela hai unha constante chamada á rebeldía, unha loita por saír ao aire libre, por romper coa represión e a claustrofobia ao que nos somete “o espazo asfixiante e limitador” imposto pola sociedade. O rutineiro castrador. De aí que, segundo Jesús Expósito (Xela Arias: Bare versus, Madrygal, 2005), a poeta faga do cabalo un “símbolo da liberdade” e vexa na “fuxida a única alternativa”. E fusilo de min a disciplina de ordenanza (Acompáñame)

Xela, Ela, intempériase, ou extempériase, exponse cara ao exterior. Estar á intemperie supón, como di a etimoloxía (in, desde dentro), exporse ao tempo, ao temporal climático, aos malos tempos, ou, noutra proposta (in, negar), estar en contra da temperanza, da xusta proporción, do termo medio, da mediocridade. Xela “espide a súa alma sacándoa á intemperie, á rúa, dada a súa fobia ao pechado como unha metáfora da falta de liberdade” (J. Expósito). Liberarse da “deshumanización que nos leva a nosa integración na sociedade” (Sacudir a represión). Mesmo da represión dos fogares. Nas terras de ninguén que chaman ás casas:/ os vosos fogares.

Compártome/ sei que no lonxe das parábolas das frases/ cortadas e os puntos a parte son só/ medos escorrentados de teu corpo. (De Denuncia do equilibrio). Os corpos retratados como quen tira do espello unha imaxe memorable que gardar no peto da memoria icónica. Mais, sobre todo, un recoñecemento de que o retrato é meu, perténceme, en el me recoñezo, Esa son eu, de corpo enteiro, enteiriña. Non me falta nada, completa e cada cousa no seu sitio. Unha forma de aliviar o temor á fragmentación, a escisión (esquizos), exercendo unha función defensiva no espello de Lacan. As partes non son tal senón unha unidade (corporal), o meu corpo, ese corpo que se comporta, compórtome, compártome. Despedazada, outros xa van gastados (I.Monólogo adicto)

3927737Unidade na desorde, desobedecendo ordes, o des-ordes. Non hai orde na natureza, un invento humano co afán de a meter no curral dos seus códigos. O mesmo que acontece coa lingua que nos vén dada. De aí a necesidade de devolver á desorde natural as palabras estruturadas, sílaba a sílaba, no xustillo gramatical sen faltas, cando a falta, a falla, é quen de enriquecer a linguaxe ou, polo menos, de pórnos en garda de que outras formas son posibles. Descolocar letras ou sílabas deitadas na horizontal para despois, como se fosen pezas dun crebacabezas, recolocalas en vertical. Estou/pa/ rindo/ todo instante que penetro ou me/ penetra (Intempériome, p.61). Seguindo a súa liña atrevémonos a dicir que os seus poemas son Poe/m/as.

Sacar fóra o interior, as entrañas, o entrañable, que amosan a súa mellor expresión na pel, quer dicir, no máis profundo do ser humano, segundo Valéry, a quen a ciencia lle deu a razón, xa que logo, tanto a pel coma o cerebro xorden da mesma raíz embrionaria. A pel, o espido, é o lugar da caricia e da ferida, o límite sen outra barreira que as infindas olladas daqueles de miran, das miradas do osmón.

212px-Xela_AriasNa terceira parte de Intempériome, “Vencerse é cousa de se tratar”, hai uns versos que non me resisto a expor nestas páxinas. Remítennos ao tempo de pandemia que hoxe estamos a padecer. Por que a cousa, a vida, a morte, vai en serio. De certo, a vida ía en serio./ Por iso morrer non conta/ números./ (…) Xa temos cadáveres amigos/ e coñecidos,/ sabemos da morte o legado inútil./ Pero ¡que ridículo!, ¿non?,/ abraza-lo feito feliz de xa medrar/ -camiñar ás aforas-/ en tempos asepticamente tan/ Alienados (p. 67). O ser consciente da alienación pode desencadear angustia, pero tamén vai ser unha defensa, a posibilidade dunha pausa e darse un respiro nas emocións. INCÉNDIATE/ á calor da observación./ E repasa logo a ollada/ no pouso/ dos afectos (p. 79)

4 comentarios en “Xela Arias ía en serio

  1. Prezado Fidel:

    Sinto dicir que a túa entrada hoxe queda fóra do meu alcance (pásame por querer saír da miña parcela intelectual) e non me vexo competente para responder a un tema de tal natureza.

    O caso é que onte antes de deitarme -como é a miña costume- busquei na obra de Xela Arias, nun intento de recolocar algunhas pezas do rompecabezas, e a miña concepción da realidade quedou aínda máis mal parada. O que non se pode facer e intentar asimilar nunhas poucas horas algo co que nin siquera sabes si estás de pleno acordo.

    Para rematar, voto man da frase do filósofo Wittgenstein: “ Do que non se pode falar, mellor é calar”. Por agora…

    Boas noites.

    1. Está ben a frase de Wittgenstein -habería que pedir axuda a Ricardo Losada-, pero a min nunca me gustou de vez. Porque a pregunta está en saber de que cousa non se pode falar. Na miña profesión era diso precisamente do que había que falar, daquilo que non se podía falar. Agora está de moda dicir verbalizar. Xa ves, miña moi prezada Carmen, aquí andamos a pasar o tempo escribindo talvez daquilo que non deberiamos. A vantaxe está en que estes estretementos non nos van mandar ao inferno. Unha aperta e saúde.

  2. Encántame ese cercenamento que practicas cas palabras, querido Fidel. Ti tamén pos a palabra a intemperie para que os que che lemos a recollamos no exterior.

    Aínda que no teu libro dis que “habitar e defenderse das inclemencias de dentro, das que se agochan entre as paredes, dentro das estancias…” fas como Xela, Ela, sacas para fora toda esa etimoloxía ca que nos aleccionas e ca que me deixas quedar aparvada.

    “Intenpériome” outro libro en turno de espera.

    DEVOTO VED ESA BASE, ESA BASE DEVOTO VED. EsqUIAdOr.

    Moitos castos biquiños, querido Fidel.

    1. Grazas como sempre, Magdalena. Xela Arias, a quen este ano 2021 se lle dedica o día das Letras Galegas, unha poeta perseguidno a independencia e liberdade, ben merece un tranquilo paseo pola súa curta pero intensa obra.
      O CABALO: OLA, BACO. EnUncIAdO.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>