Manuel Mariño del Río. Desde finais do século XIII e, sobre todo, a partir da metade do século XIX (Lei Moyano de !857) foise experimentando un avance na expansión do sistema educativo. Antes de 1852 había en Porto do Son unha única escola completa. Aquel ano a Comisión Superior de Instrución Primaria da provincia, seguindo o criterio para a creación de centros, e a revisión do padrón de habitantes de cada concello, dispuxo que o distrito de Porto do Son tivese catro escolas. Ademais da que xa había na vila e que contaba tamén co alumnado de Noal e Nebra, cunha dotación de dous mil reais, instalaríanse outras tres escolas incompletas (con profesores peor formados e peor pagados) nas parroquias de Goiáns con discentes de Miñortos, outra en Queiruga con alumnado de Baroña e Caamaño e unha cuarta en Xuño co de Muro e Ribasieira. Estas tres últimas cunha dotación económica de 400 reais. Daquela participaban economicamente as familias consideradas máis adiñeiradas. Abonábaselles aos mestres o aluguer da súa vivenda, sempre que non ocupasen un edificio do común.
O 19 de xuño a corporación municipal comunicou que o aspirante para a escola de Xuño sería Tomás Santos ,e o de Queiruga José Benito Santos. Acordaron dar publicidade para a praza de aspirante para a escola de Goiáns, pois non se presentara aínda ningún candidato. O 16 de xullo o cadro completouse con José Lado para ocupar a praza na escola de Goiáns.
O 16 de decembro de 1854 a corporación acordou remitir á superioridade unha listaxe de escolas públicas existentes e as que podían instalarse. Indicaron tamén o número de alumnos, parroquias das que procedían, nome dos mestres e dotación dos mesmos. Resulta paradoxal que ao respecto indicasen que as escolas que había entón eran suficientes e que mesmo podían suprimirse as de Queiruga e Xuño «por los insignificantes servicios que prestan a la educación pública y el beneficio que reportan al presupuesto las economías de dotaciones y gastos». Non debe estrañarnos, polo tanto, que na década dos sesenta aparecesen só dúas escolas neste distrito, unha completa e outra incompleta.