Cerna e abstracción

B30A1084Antonio Piñeiro. Souben de Antía Brey con ocasión da súa mostra 5 elementos, na Casa da Cultura da Cachada. Deseguido, o empezo circunstancial co que demos dende primeiros do 2020 puxo unha paréntese que xa se vai facendo longa de máis. Pero volvín saber, hai uns días, no canto dunha conversa sobre a arte e o informalismo, do traballo que está a realizar, seguramente para unha nova e próxima mostra.

Xa dende o primeiro intre me pareceu unha proposta fresca, áxil, enérxica, con ganas de abrir camiños. Teño as variantes do informalismo pola materia escura do universo pictórico. Quero dicir: esa meirande parte das posibilidades que aínda non están á vista, mais están.

Territorio certo da fecundidade, a abstracción sempre ofrece ese cabemento ao eido persoal, ao intuitivo, ao propio, mesturado coas demais posibilidades da plástica. É onde a personalidade máis deixa de si mesma, o que ben virían corroborar non poucas ramas da ciencia.

Antía Brey dálle a ese azo un lugar certo seguro os factores estéticos. É un ímpeto, unha enerxía que se nota, que forma parte da linguaxe. Case unha combinación do pracer creativo coa función fisiolóxica. Sen dúbida é a cesión á espontaneidade unha das súas bazas. Ser quen de domear o animal difícil do instante, ata o embridar perceptiblemente, coido que é un valor verdadeiro no que á súa pintura atinxe.

A mancha

Un dos alicerces máis suxestivos do informalismo é a mancha. Ese híbrido de razón e emoción que é a linguaxe do xesto. A cuestión, non só coma técnica ou opción artística, senón tamén coma obxecto reflexivo, filosófico, actitudinal, exploratorio. Diso, precisamente, falabamos nas clases esta semana, no canto de albiscar as posibilidades que o expresionismo abstracto ofrece á lectura dos seus observadores. É a cerna, a dose subxectiva á que Antía, sabedora, deixa espazo.

Creo que Antía Brey reúne elegancia e empatía como en poucas ocasións acontece. Para o primeiro caso remítome ás súas obras: harmonía na enerxía, sutileza na contundencia, gozoso estilo e moito que dicir. E coa segunda afirmación non me estou a referir só á capacidade de empatizar co espectador, que tamén, senón ao feito de ser quen de facelo coa dialéctica, cos materiais, recursos, técnicas e elementos do oficio. Parece claro, no que leva feito, que ela e mais eles enténdense, e que establecen doadamente os necesarios vínculos co público. Persoalmente prodúceme, ademais, especial agrado que, ao menos nesta etapa, Antía escolla esa faceta lúdica, alegre e desconxestionada que tanto me recorda a enorme plástica galega dos oitenta.

Agardamos con devezo esa nova mostra, Antía Brey. Seguimos de preto o teu bo facer e, se é certo que todo, na arte, é resultado dunha longa dedicación, aprendizaxe e perfeccionamento, xa imos adiviñando ata onde pode chegar a túa obra.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *