Barbanza e Gala do libro

Follas Novas con ganadorases en péPilar Sampedro. Este ano, a Gala do Libro pasou a chamarse Premio Follas Novas e o nome semella ben acaído: Follas Novas, obras novas, libros publicados no 2020.

Quince modalidades que nunca son suficientes, pero que se van ampliando conforme pasan os anos e se vai vendo a necesidade de diferenciar determinados xéneros, neste caso foron as seguintes:

Ensaio e investigación, na que resultou ganadora Aurora Marco con Irmandiñas, un volume no que se recolle xustamente unha investigación que visibiliza as mulleres das Irmandades da Fala, esa época na que espertou o país para mostrar o mellor que tiña. Aurora Marco é unha muller do Barbanza, na que recibiu o premio Barbantia, tal como corresponde a alguén que tanto traballa a favor de causas xustas como a da muller e a memoria histórica.

Divulgación, na que resultou ganadora Unha mente que voa, de Xurxo Martiño, que xa acadara este galardón hai tres anos con Terra. Ciencia, aventuras e sorpresas dunha viaxe arredor do mundo.

Narrativa, foi para Suso de Toro pola novela Un home elegante. De novo o Barbanza está presente pola relación coa saga dos Baltar en Rianxo ou Noia, e incluso pola orixe da nai do autor.

Infantil, recaeu no poemario Mar de mazá, de Elvira Riveiro. Un monllo de poemas arredor deste imaxinario do mar.

Xuvenil, foille outorgado a O mal querer de Natalia Carou que xa resultara ganadora no Vilar Ponte. De novo atopamos unha autora do Barbanza, de San Ramón de Bealo (Boiro).

Libro ilustrado, foi para Contrahistorias de Galicia de Antonio Reigosa ilustrado por Rita Gutiérrez.

Banda deseñada, recaeu en O derradeiro libro de Emma Olsen, de Pablo Prado, baseado na novela de Berta Dávila, do mesmo título.

Iniciativa bibliográfica, para a colección “Pequena memoria histórica” dirixida por Eva Mejuto que comezou con A lavandeira de San Simón.

Obra traducida, para A nosa negra de María Reimóndez. Un traballo que a tradutora definiu como anticolonial e feminista.

Libro de poesía, veu de novo para o Barbanza. A desvértebra de Ana Romaní foi a obra ganadora.

Libro de teatro, para Só un home bo, de Raúl Dans, publicado por Edicións Positivas.

Libro mellor editado, para Nós-outras con poemas de Marica Campo e ilustracións de Menchu Lamas, publicado por Chan da pólvora.

Iniciativa cultural ou de fomento da lectura, foi para o Salón do Libro de Pontevedra cos seus máis de vinte anos construíndo lectores e lectoras.

Proxecto literario na rede, para a páxina Galicia encantada, a enciclopedia da fantasía tradicional de Galicia.

Traxectoria en xornalismo cultural para Montse Dopico por todos estes anos de traballo en profundidade.

Houbo modalidades que se foron subdividindo como Ensaio e investigación / Divulgación, Infantil / Xuvenil ou creando como o de Banda deseñada que apareceu hai tres anos recollendo dentro do seu abano tamén o humor gráfico.

Este ano, o Barbanza demostrou o seu potencial con tres obras ganadoras. Estamos ben contentas porque, ademais, as autoras son tres mulleres o que sempre se agradece de cara a compensar a invisibilidade doutras épocas. E para rematar, era Quico Cadaval o noso veciño, quen exerceu de mantedor da Gala. Hai quen dea máis?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *