Tuberculose

BY29P1F1_20167Uxía Casal. As protuberancias que se ven nas pólas provócaas unha enfermidade específica desta árbore: a tuberculose das oliveiras; non lle fai mal a ningún ser vivo máis ca a elas. Pódese frear o seu avance, seica, cun preparado de cobre, mais os especialistas dubidan dos seus efectos e dan este espécime por desafiuzado. Morrerá antes de tempo, pero non levará consigo a ninguén máis. Existe outra doenza, grave de verdade, que arrastra canda si calquera animal ou persoa cos que se cruce: a tuberculose da alma, esa pezoña infecciosa e purulenta que contamina o que roza. É típica das xentes que non coñecen máis ca odio, que son incapaces de ver nobreza nun xesto humano, que non comprenden o significado da palabra compaixón. Quixera sentir mágoa por elas, mais é difícil que a maldade inspire simpatía, malia sabermos de sobra que un malvado nunca coñecerá a felicidade porque a súa é unha enfermidade larvada a lume lento. Lembro a de veces que unha aperta me serviu de conforto; sei ben dos seus efectos benéficos; por iso nunca freei o impulso de abrir os brazos a quen sofre para acollelo, para deixalo chorar sobre o meu ombro e aliviar un chisco a súa dor. Sei que iso non o vai salvar, mais seguro que contribúe a salvarme a min da tuberculose da alma.

2 comentarios en “Tuberculose

  1. Dicía Benavente: “O mal que facemos é sempre máis triste que o mal que nos fan”. Polo tanto, Uxía, nós, procuremos sempre obrar con xustiza.

    Saúdos palmeiráns.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *