Música con premio para unha investigación

TrobadorPilar Sampedro. Hai un días entregouse o premio APECSA (da Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño de Santiago) ao grupo musical A Quenlla, en base ao seu traballo Trobador no Camiño. As cantigas de Martín de Padrozelos. Un acto celebrado no Museo das Peregrinacións, como correspondía e onde nos foi entregado o volume De amor e de amigo. As cantigas de Martín de Padrozelos. Cando imos afondando no volume, atopamos que todo nace da chispa dun artigo escrito por Novoneyra e publicado en El Progreso en 1954, no que comentaba a posibilidade de que o trobador (que leva o nome citado) fose do val de Lóuzara polos topónimos que utilizaba e porque existía unha Casa de Martín nun lugar denominado Praducelo onde se dicía que antano seica houbera un poeta.

En base a estes indicios, Dulce Fernández Graña realiza a súa tese de doutoramento, na década dos noventa, sobre este poeta medieval do que se coñecen dez cantigas. Nos códices do Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Lisboa e no Cancioneiro da Biblioteca Apostólica Vaticana están compiladas as nove cantigas de amigo e unha de amor deste trobador. Ás veces sucede que as teses son verdadeiras fontes das que brota auga limpa que alimenta as terras, e aconteceu con esta dunha maneira realmente fundamental, pois este traballo –xunto co do profesor Xulio Pardo de Neira Martín de Padrozelos, o primeiro trobador da lírica galego-portuguesa (publicado en 2005)– adiantan o nacemento da lírica galega medieval a finais do século XI, xa que o autor nace na segunda metade deste século e morre a principios do seguinte. Unha descuberta realmente fulcral!

Así as cousas, comezan a facerse Xornadas arredor desta figura, nas que se dan a coñecer as investigacións e publicacións; percórrense os lugares onde se supón que viviu, visítase a casa que segue a recoñecerse polo seu nome (situada en San Xoán de Lóuzara), e comeza a falarse da posibilidade de pórlles música ás cantigas. Unha música que seguramente tiveron pero que perderon. Polo tanto, cómpre que varios músicos as traballen tendo en conta melodías da época e a feitura das composicións poéticas. De aí sae o disco d´A Quenlla ao que nos referiamos, realízase un concerto inaugural na igrexa de Santa Mariña en Sarria e, posteriormente, un percorrido polo Camiño de Santiago (pasando polos concellos de Sarria, Láncara, Paradela, Triacastela, Samos, O Incio, Folgoso do Courel, Portomarín e Pedrafita do Cebreiro) acompañando a exposición didáctica itinerante (De amor e de amigo. As cantigas de Martín de Padrozelos) e o documental (Trobador no Camiño: andares pola lírica de Martín de Padrozelos).

O obxectivo está claro: dar a coñecer un trobador, situalo no seu lugar de nacemento e no tempo correspondente, achegar datos que adiantan o nacemento da literatura en galego… e entregar esa información en todos os formatos e soportes posibles para que os lugares e veciños teñan unha referencia máis.

Parabéns aos gañadores deste premio pero, sobre todo, agradecemento a todas as persoas que colaboraron para levar a bo porto a investigación e recuperación deste fito divulgando o achado.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *