O sentido dun final, de Julian Barnes

41fft2PoWwL._SX308_BO1,204,203,200_Fidel Vidal. O sentido dun final, de Julian Barnes (Rinoceronte, 2012), novela de menos de duascentas páxinas, acadou o Premio Booker, está dividida en dúas partes ben definidas. A primeira contén episodios de mocidade, da escola, da relación entre amigos e, especialmente, a estrea de contactos con mozas. “Non me interesa moito a miña época escolar e non a boto en falta. Pero no colexio é onde comezou todo”. Tres amigos, “Colin, Alix e mais eu, Tony Wesbter”, convértense en catro coa integración no grupo de Adrian Finn, “un rapaz alto e tímido” que citaba a Camus e “para quen o suicidio era a única auténtica cuestión filosófica”.

Eros e Tánatos, vinculados ao concepto de tempo, están presentes ao longo do relato, “Vivimos no tempo –contennos e moléstanos- pero nunca crin comprendelo moi ben” (…) “E, sen embargo, o pracer ou a dor máis nimia basta para ensinarnos a maleabilidade do tempo”. Como aquel tempo -o tempo dos primeiros amores- polo que pasaran os seus pais, e os seus mestres, quen, polo tanto, “podían falar con autoridade” e que eles non lles recoñecían. Arestora as nosas mozas “consentían moito máis do que consentirán as súas nais, e eu conseguía moito máis do que conseguira meu pai”.

“Colin e Alex axenciaran noivas que non practicaban unha política de zonas de exclusión; ou polo menos iso insinuaban eles. Pero daquela ninguén dicía toda a verdade en materia de sexo. Neste sentido nada cambiou”. Tony mantén relacións durante un ano con Verónica, unha moza peculiar que lle presenta os seus pais unha fin de semana. Cando rematan o instituto Tony vai estudar Historia en Bristol e Adrian Ética en Cambridge. Nesas, un bo día Tony recibe unha carta de Adrian pedíndolle permiso para saír con Verónica.

Na segunda parte Tony xa está xubilado, divorciado de Margaret, cunha filla e dúas netas. Unha mañá chéganlle novas dun bufete de avogados, “Relativo ao patrimonio de dona Sarah Ford (defunta)”. Sara Ford era a nai de Verónica. “Informábanme de que me legaban cincocentas libras e dous `”documentos”. O seu amigo Adrian suicidárase e deixara un diario que falaba del e que a nai de Verónica pensaba que debería ser o seu destinatario debido á amizade que se gardaban. Un diario no que talvez estarían as claves do seu suicidio. Pero Verónica apropiárase do diario. En canto Tony o reclamou só lle enviou fotocopia dunha páxina. Non resulta doado encanar dúas partes dunha vida.

Tony ten remorsos por unha frase que escribira na época de estudante: “En parte confío en que teñades un fillo, porque creo moito na vinganza do tempo. Pero a vinganza debe recaer sobre quen a merece, é dicir, sobre volos dous”. Hai un fillo discapacitado polo medio. Pídelle desculpas a Verónica, pero esta mantense calada. Se acaso repite sempre a mesma resposta, dicíndolle que non entende nada: “Segues sen entender. Nunca entendiches e nunca entenderás. Así que é mellor que non o intentes”. Por que, segundo Verónica, Tony non podía comprender? Para coñecer a resposta hai que ler toda a novela. Naturalmente eu non desvelarei a sorpresa que vai dar sentido a un final.

2 comentarios en “O sentido dun final, de Julian Barnes

  1. Póis deixástesme cas meles na boca. O sentido dese final, parece ter moito sentido.

    _ Papá, ¿puedes darme un ejemplo de palíndromo?
    _ YO DE TODO TE DOY.
    _ Venga, pues dime uno.
    _ A TI NO, BONITA.
    _ Pero ¿ en qué quedamos ?
    _ YO HAGO YOGA HOY.
    _ Mejor le pregunto a mamá.
    _ ELLA TE DARÁ DETALLE.

    Xa non che debo nada, querido Fidel.
    Moitos castos biquiños.

    1. Así me gusta, Magdalena do Brañal. Quedamos en paz e por riba de marca, lembrándome do que dicía unha vella amiga da que gardo execelentes recordos: “o primeiro cobrar; o último pagar”. Van de volta pequeniños castiños biquiños. Saúde.
      O LABOR O DO ROBALO

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>