A escritora na súa terra

A escritora na súa terraPilar Sampedro. Neste 2021, a homenaxe na súa terra, que cada ano dedica a AELG a un dos seus escritores ou escritoras, recaeu en Concha Blanco.Realizouse en Cee o sábado 12 de xuño. Como é costume, colocouse unha pedra sobre a que vai gravado un poema da autora, plantouse unha árbore (neste caso un pradairo, esa escultura de follas vermellas que colorea o aire), entregóuselle a escultura da letra E realizada por Soledad Penalta, e o concello de Cee dedicoulle unha praza.

Certamente, é un luxo facer coincidir a homenaxe dos escritores e escritoras coa do concello que representa a súa terra, mentres a dos primeiros deixa esa obra viva que é a árbore e esa escultura pública que é a pedra, o concello ponlle o seu nome á praza, que é ese lugar no que permanecemos, onde nos paramos máis que na rúa pola que pasamos.

Concha Blanco merecía esta homenaxe porque a mestra é unha das pioneiras da literatura infantil galega, porque comezou a escribir historias protagonizadas polos rapaces e as rapazas da súa aula para demostrarlles que se podía escribir e ler na lingua na que falaban, e que era posible formar parte das historias e da Historia.

Esas primeiras historias e poemas que ían acompañados con actividades e os que chamou Cousas para a escola e Cousiñas para a escola foron publicados por Isaac Díaz Pardo en Ediciós do Castro. Elas foron o comezo dunha carreira literaria que continúa ao longo de máis de corenta anos e medio cento de libros, na súa maioría destinados á infancia e á mocidade aínda que tamén conta con varios para adultos.

Na meirande parte das súas obras aparece a súa terra de nacenza e residencia: Lires e Cee. Por iso, tamén por iso, tiña sentido esta homenaxe na súa terra. Porque nela se sitúan os relatos, son de aí os personaxes, falan dela os seus versos ou aparece nas dedicatorias, como sucede nos libros. O milagre de Carola e Quero que veñan meus pais, din:

“LIRES, onde eu nacín aquel día.”  (Así de simple e significativo).

“Para Lires, que foi o meu berce, por deixar que o vento do mar arrolase os meus soños.”

Un anaco do libro Sara di: Lires sempre sería para Sara o seu lugar de referencia, no que nacera, ao que volvía sempre que lle era posible, do que presumía e o lugar que recomendaba a quen quixese experimentar e tocar o silencio e a paz”.

Cousiñas prá escola, consta de tres partes, na terceira (que leva o nome de Lires) propón un traballo de investigación arredor dunha aldea calquera, utilizando como exemplo a súa, Lires. E así o conta ela na autobiografía publicada na Biblioteca Virtual Galega:

“No Concello de Cee hai unha aldea que se chama Lires. En Lires está a ría máis pequena de Galicia, que coa marea baixa desaparece; é unha ría con maxia. Antes da ría hai un cruceiro e preto do cruceiro está a miña casa onde nacín o 19 de xuño de 1950”.

Unha terra e unha autora!

3 comentarios en “A escritora na súa terra

  1. Prezada Pilar:

    Totalmente de acordo contigo. Eu tiven o pracer de compartir aulas e equipo directivo con Concha no instituto Agra de Raíces de Cee durante catro marabillosos anos. Concha é das que sabe que o mundo da ficción é moito máis grande que o da realidade, e que pode chegar a ser incluso máis fermoso, pero nunca máis importante. E iso vale tanto para os nenos e nenas de Lires como do resto do mundo. Sobre todo, os máis excluídos.
    Grazas por recordala!
    Unha forte aperta!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *