Este é o meu hórreo

O Fío de Ariadna. ImaxeMaría Rey. Este é o meu hórreo; símbolo pétreo do país que me viu nacer. Alfaia alén dos tempos. Ogallá que os pedreiros que tan sabiamente colocaron estas e outras pedras, puidesen, dende o alén, ver as resultas do seu intuitivo saber que, sen teren pisado os chans de ningunha escola, dominaban os misterios do equilibrio como se caesen ao mundo con esa única misión. A de construír hórreos. O tempo pasa, e as súas singulares e rexas siluetas seguen a enriquecer o cadro da paisaxe galega. A dureza das súas ben arrombadas pedras acubillan a máis nobre función: curar e gorecer as colleitas que garanten o pan de todo o ano. “Dádeme unha pedra, e eu buscareille o xusto emprazamento”, debeu ser a máxima destes homes. Si. Este é o meu hórreo, legado de xente abnegada e valente, que non tremeu ante as inclemencias meteorolóxicas nin fuxiu da rudeza do cotián. Erguíanse co cantar dos galos e non tornaban ao leito até a xeira rematar. Eran xente boa por lei e por vontade. Aquí pasei a meirande parte da miña vida. Intres de gloria e tamén de desesperos mais, todo iso conformou a que agora eu son: unha muller coa cabeza ateigada de fermosos, complicados proxectos. Sigo a soñar nesta miña amada patria que, malia non posuír bandeira, éme doada de identificar; os ventos que por esta estrema pasan bísbanme ao oído lendas e historias que ninguén máis pode escoitar. E, sentada ao pé do meu hórreo, o mesmo ca se fosen douradas espigas, unha a unha, ando a as debullar.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *