Pasou o que pasou, de Lito García Lago

descargaXerardo AgraFoxo. Este libro comeza coas primeiras eleccións autonómicas de 1981 que levaron á Presidencia da Xunta a Fernández Albor da lista da Coalición Popular. Durante esta primeira lexislatura, o autor analiza a crise xurdida pola capitalidade de Galicia, a expulsión de tres deputados nacionalistas por non xurar a Constitución e os problemas derivados pola Foxa Atlántica e a reconversión industrial. Despois analízase a segunda lexislatura, onde Albor se enfrontou con Barreiro Fernández. Unha crise que daría lugar á moción de censura que levaría no 1987 a Fernando González Laxe á Presidencia da Xunta. Unha curta época marcada pola debilidade dun goberno que carecía do apoio dos socialistas de Ferraz. A secuencia cronolóxica do libro remata coa chegada de Fraga Iribarne –e os seus cen gaiteiros á Praza do Obradoiro– que controlaría o poder en Galicia durante as tres seguintes lexislaturas, entre 1990 e 2005. Pasou o que pasou (2021) resulta unha lectura imprescindíbel para coñecer os alicerces daqueles anos incertos onde nada estaba escrito. Unhas páxinas que se debullan con pracer a través dunha análise rigorosa dos acontecementos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *