Liorta viquinga (2ª parte)

Foto: La Voz de Galicia
Foto: La Voz de Galicia

X. Ricardo Losada. Ler ou falar con Pepe Rodríguez Tubío é recordar de inmediato o Juan de Mairena de Machado. Non só porque fose mestre senón porque lle encaixa perfectamente este pensamento seu: “Nada os importe ser inactuales, huid de los novedosos, de cada diez novedades que pretenden descubrirnos, nueve son tonterías. La décima y última, que no es una necedad, resulta a última hora que tampoco es nueva”. Pepe supera os 80 anos, leva máis de vinte sen dar clase, pero, estou seguro, se mañá o puxésemos a traballar en calquera colexio de Galicia, e explicase a lección (si, a lección) como a explicou toda a súa vida, acabaría conseguindo os bos resultados académicos, formativos e persoais que conseguiu sempre.

     Porque é posible que Pepe non saiba a diferenza entre un estándar e unha práctica ben feita, entre un segmento de ocio e un recreo ou entre unha formación profesional básica e aprender un oficio, pero sabe cal é esa natureza humana que os clásicos chamaban perenne, e que só pode aprenderse na escola da vida e non nos centros de formación do profesorado. Pepe sabe que un mestre non pode parecer na aula, como diría o propio Machado, mal vestido y triste caminando por la calle vieja, e con iso chégalle para conformar unha profunda e humanística teoría pedagóxica. E sabe tamén, como os vellos mestres que viron os ollos da fame e da pobreza, que non hai fondo sen forma, nin forma sen fondo. E sabendo iso un prepara as clases e fainas amenas e chega puntual e consegue un clima propicio para o estudo e a tolerancia e corrixe en tempo e forma os exames e premia o mérito e castiga o demérito.

      E agora, porque o maxisterio segue máis vivo ca nunca na súa alma (danlle moita rabia, rabia creativa, por suposto, algunhas cousas que ve), Pepe publica a segunda parte do seu libro A liorta viquinga. E publícao con esa elegancia estilística e espiritual dos grandes mestres, e que consiste nunha prosa límpida e amena, fluída e emotiva, dialéctica e iluminadora, que calquera ser humano pode comprender, e que é a única válida para revelar o único que a Pepe realmente lle preocupa: salvar os mellores valores da natureza perenne do ser humano. Como diría ese Castelao ao que este libro lle había de encantar, pois latexa nel o mesmo afán político (no bo sentido da palabra) que en Cousas ou en Retrincos, Pepe dános neste libro a primeira lección do mestre.

 

2 comentarios en “Liorta viquinga (2ª parte)

  1. Prezada Magdalena:

    Compartimos unha opinión moi similar sobre Pepe. Calquera persoa que o coñeza minimamente sabe da súa bonhomía e do seu carácter afable e tolerante. Oxalá lle guste o meu pequeno comentario. Ao lector que non lese a miña reseña sobre a primeira parte de Liorta Viquinga recórdolle que tamén está publicada en Café Barbantia. Aí profundizo un pouco máis e aqueles comentarios tamén serven para esta segunda parte.
    Como sei que nos le con moito interese, animo desde aquí a Pepe a que publique en Café Barbantia algunhas das súas sempre sensatas reflexións. E doulle esa aperta que merece.
    Tamén a ti, Magdalena, e a Fidel Vidal. Os vosos comentarios de ida e volta sempre están tinguidos dunha frescura e dun sentido do humor que cada vez se agradecen máis.

    Apertas rianxeiras!

  2. Querido profesor :
    Abrir o ordenador, ver a foto de Xosé María, e sentir un nó de ballestrinque (pero non na cornamusa de proa do “Atrevido” )senón de emoción, na gorxa, todo foi un.
    Cando leo un libro de persoas que coñezo, fagoo aínda con máis interese, se cabe. Ler os de “Xardón” para min foi coma un bálsamo, pois coñecendo a tenrura que desprende, xa sabes que o que alí está escrito ten que ser por forza delicado, tenro, e cheo de sabeduría.
    Disque despóis de escribir a primeira parte, sentado nun tallo e imitando ao “Pensador” de Rodin, foi cando discurreu a segunda parte de “Liorta viquinga”. Ese tallo debe de ser máxico porque o resultado foi fantástico.

    Canto me hubese gustado ter un mestre tan humano coma el, estou segura de que xosé María, correxía mellor co exemplo que cas reprimendas.

    Moitas grazas, querido profesor, por esta excelente entrada.

    Moitos bicos para ambos os dous.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *