E a dor a transitar polos país dos soños

DarioXohanCabanaPilar Sampedro. E a dor a transitar polo país dos soños”, foi a idea que me zumbou ao saber da morte de Darío Xohán Cabana. Porque ninguén quixera a terra tanto coma el, nin sequera Artur que a deixara perderse, entre orgullo e desvarío.

Volver a Galván en Saor é traelo de novo a esa gran ficción que bebe na materia de Bretaña e da fonte de Cunqueiro. Trasladar os cabaleiros á nosa toponimia, poñer a Merlín a residir entre nós, levar a Galván a Saor (ou o seu Roas de nacemento), encher Galicia coas historias compartidas e cos heroes desexados, soñar un mundo de cabaleiros dispostos a dar a batalla pola defensa das grandes ideas e facelo nun lugar onde a xente que podería crer non o fai, para non sufrir máis do necesario.

O cabaleiro sabe da propia morte, coñece de antemán como vai ser o futuro da mesa redonda; volver a Bretaña é poñerse ás ordes de Artur para recoller a morte, para cabalgar ao seu lado na xornada final, para dar o último suspiro, ambos no campo de batalla, e aínda así nunca abandona a idea de retornar cando o tempo é chegado.

“–El haberá grial, meu sobriño?

Haber houbo, señor, pero xa non o hai, nin moito me importa. Así houbera máis sentido e menos loucura no mundo!”

Na pedra fita que coroa o cume do outeiro están as palabras de Merlín: ”Nesta chaira ficará orfo o reino da Bretaña Maior” e, alí está Mordrez cun exército de estranxeiros para acabar coa primavera.

Na derradeiro capítulo (intitulado “O voo do falcón”), morto Galván polos campos britanos ao lado do seu rei (tal como Merlín tiña profetizado tempo atrás), unha inmensa ave percorre o ceo da nosa patria, vai dun escenario a outro rememorando os tempos nos que foi feliz pisando este chan, amando aúltima das damas, sentindo a natureza, acompañando o pobo nese pasado que xa é historia. Se mirades o ceo verédelo todos estes días, “dando voltas en espirais maxestosas”, quedando –por un instante– inmóbil no aire, roldando as casas das amizades nunha despedida que nunca quixeramos ter visto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *