Día do lector/a. Día da Lectura

Pilar Sampedro. No 2021 e, por primeira vez, o Calendario do Libro e a Lectura, recolle o Día do Lector/a. Aparece esta data, o 3 de novembro, ao lado da epígrafe “Nacemento de Neira Vilas”. Desta maneira, únese o nome do autor de Memorias dun neno labrego (un dos libros máis editados, lidos e traducidos da nosa literatura) ao día no que se celebra o propio acto de ler, a través da persoa que o fai, aínda que poderiamos convir en denominalo Día da Lectura e eliminar ese esforzo extra da duplicidade de xénero.

Todos os días lemos, polo tanto todos eles poderían ser denominados desta maneira; de aí que, ademais de colocar a lectura no centro da actualidade, igual deberiamos pensar nalgunha práctica que a faga máis visible, que a ilumine. Por iso, igual tiñamos que xunguir a data á lectura en voz alta, á lectura pública, aos maratóns de lectura…

Porque ler en voz baixa é falar caladamente co libro, de forma individual, dialogar co autor ou autora tratando –entre os dous– os asuntos que alí están recollidos. Ler en silencio, nunha conversa íntima, de ti a min, para poñelo en relación co que a un lle pasa; facéndoo propio, dun; ver o que sente con el, xunguíndose a ese mundo, traéndoo, transformándose con esa lectura; sabendo que xa forma parte de ti mesma mentres o autor non perde nada, non se debilita, non é máis pobre senón ao revés, medra coa miña lectura, faise inmenso e a obra leveda como a masa do pan. Ler en voz alta é dar pan, repartir auga, é botar as palabras ao vento para que voen e se estendan, que camiñen soas, que cheguen máis lonxe. É converter a obra en bandeira que se move co vento, saltando barreiras e fronteiras.

Ler en voz alta é facer da lectura un acto público de apoio á cultura na súa primeira columna: o libro. Realizar lecturas públicas é ir máis alá do pracer persoal querendo compartilo cos demais. Un acto de xenerosidade ao repartir o que é bo (porque se o é para unha, tamén o será para todas), compartir os logros e tentar que os demais cheguen a onde o estás facendo ti a nivel persoal. É pasar do individual ao colectivo, do persoal ao común.

A mellor homenaxe a un escritor ou a unha escritora é ler a súa obra, facelo en público dando exemplo, facendo cantar as liñas, dándolle voz ás palabras. Ler os seus textos é como rezarlle a un deus, repetir o que ela escribiu, o que pensou, o que creou. Un ensalmo contra a desmemoria, contra a enfermidade do esquecemento.

Cando les na casa onde viviu o escritor (como no caso de Neira Vilas na Fundación en Gres)… lerlle a súa obra é permitir que (dende o aquén ao alén) a escoite nas distintas voces, nas diferentes competencias, timbres, acentos, velocidade, maneiras… O que el escribiu, repetido por moitos que o volven dicir, unhas detrás dos outros. Escóitasnos? –preguntámonos–. E si, dende o espazo que ocupara noutro tempo, óenos, non cabe dúbida, porque as palabras neste tempo acompáñano.

2 comentarios en “Día do lector/a. Día da Lectura

  1. Acabo de ler en voz alta a túa entrada Pilar. Ninguén me escoitou, só as xordas paredes pero, escoiteume eu en ti. Unha preciosidade de artigo, Pilar. Felicitacións.
    Estou dacordo con aquel que di que un bo libro e aquel que se abre con expectación e se cerra con proveito. Os teus comentarios sempre aproveitan.
    Cariñosos saúdos palmeiráns.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *