Xerardo AgraFoxo. Esta é a historia dun home particular. Un home que dubidada da existencia de Deus, pero consideraba que detrás de Bach estaban as mans dun Ser superior. Un día decidiu refuxiarse nunha illa inhóspita, onde as praias fican ateigadas de croios, as chairas son terras ermas e hai máis ovellas que veciños. Naquel abeiro, espido e solitario, levou unha vida ascética, con baños nas augas xeadas, percorridos en bicicleta polos carreiros de grava e cotiás viaxes a outra illa para mercar xornais. Pasaba as horas vendo películas, debullando os seus libros favoritos e tecendo cunha caligrafía retorcida as súas memorias. Era un home moi estrito e puntual. Cando un día chegou tarde a unha cita, a filla máis nova presentiu que axiña morrería. Así foi, pero antes de morrer, este home hermético e maniático, que vivía rodeado de enfermeiras e amantes, escolleu o féretro de abeto, as flores vermellas e os homes que o levarían ata o cemiterio de Färo. Á súa derradeira viaxe acudiron algúns dos nove fillos que tivo con seis mulleres, os amigos máis íntimos e veciños do lugar. Morreu aos 89 anos. Liv Ullmann, un dos seus grandes amores, estivo ao seu carón cando Ingmar esbozou o salaio postremeiro. Todas estas e outras emocionantes historias nolas conta, cunha mestría insuperábel e unha abraiante sinceridade, unha das súas fillas, Linn Ullmann, en Los inquietos (2021).