Seguindo os pasos dos romanos

Ducias de anacos de tégulas saíron á luz a consecuencia da remoción de terras
Ducias de anacos de tégulas saíron á luz a consecuencia da remoción de terras

Julián Bustelo Abuín. Hai uns meses tivemos coñecemento, grazas a un veciño, da aparición duns restos sospeitosos de pertencer a un xacemento arqueolóxico preto do núcleo de Burés, na parroquia rianxeira de Asados.

As imaxes que comezaron a circular polas redes sociais non deixaban moito lugar a dúbidas, pero desprazados á zona as dúbidas disipáronse. Os restos que afloran en superficie son moitos e moi ben conservados, só alterados pola apertura dun «corta lumes» para tentar frear o avance do lume que arrasou máis de 1.200 hectáreas dos montes de Dodro e Rianxo en marzo de 2019.

Como consecuencia das remocións de terras executadas durante os traballos de extinción do lume, quedaron ao descuberto ducias de anacos de tégulas. As tégulas son tellas planas que teñen a súa orixe no mundo romano e se estenden durante séculos, cunha variedade de usos máis alá da cubrición de teitos, aínda que, neste caso en particular, non cabe dúbida que a abundancia da mesma é froito dun derrube masivo dunha construción importante; seguramente non nos atopemos ante un alboio senón ante algo máis sofisticado e señorial.

O xacemento sitúase ao norte do monte Lioira, na parte final dunha pequena faldra, aos pés do val do rego de Burés.

A identificación deste xacemento incrementa o noso coñecemento sobre a época antiga do Barbanza, pero resulta especialmente significativo por dúas cuestións; a primeira delas é o patrón de asentamento, xa que sae fóra dos canons habituais que xa coñeciamos na zona grazas outros enclaves arqueolóxicos situados en primeira liña de costa e posiblemente vinculados á explotación de recursos do litoral (por exemplo, A Torta en Boiro), ou aqueles outros restos romanos superpostos a asentamentos castrexos previos (Castro Grande de Neixón), ou mesmo aqueles outros especializados no aproveitamento de determinados espazos (caso do xacemento de Río Barbanza na serra homónima); a segunda cuestión de interese é que comezamos a ter un número importante de achados dispersos que quizais non o sexan tanto, e que estean amosando unha estruturación do territorio que descoñeciamos.

Vía romana

O xacemento atópase a pouco máis de 3,5 quilómetros do río Ulla, e nun dos trazados óptimos para cruzar entre o val do Ulla, do Burés e do río Te. Non moi lonxe de onde o cóengo López Ferreiro trazaba unha vía romana que percorría a península do Barbanza.

Sexa como for, certo é que por cuestións de eficiencia da traza ao paso polas terras agrarias, de existir vía de comunicación non debera discorrer moi lonxe de onde se atopa o actual xacemento que, seguindo a mesma lóxica, discorre parello á zona onde se localizou a estela de Doirau, ou o antigo destral do Carballal.

A descuberta abre novas lagoas de coñecemento que é preciso encher, como, por exemplo, se nos atopamos ante un asentamento puramente agrario ou especializado na explotación dalgún recurso. Aparentemente todo indica que se trata dunha gran construción aos pés dun val agrario polo que non se pode descartar que sexa un centro de produción agrícola, con todo o que iso implica.

 

Un comentario en “Seguindo os pasos dos romanos

  1. Moi interesante todo o que escribes, Julián. As entradas anteriores co teu compañeiro tamén son extraordinarias. Benvidos.
    Saudos palmeiráns.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *