Charo Lopes

O Escritor. Album_Charo_Lopes 169Pastor Rodríguez. Natural de Boiro, fotógrafa, xornalista e poeta. Colaboradora de Barbantia, en 2007 foi incluída polo seu concello natal no Catálogo de Novos Creadores do Barbanza. Licenciada en Xornalismo, na universidade de Compostela vencéllase ás loitas sociais e políticas cunha visión independentista. En Ourense fórmase como fotógrafa artística na ESAD Antonio Faílde e xa na Coruña cursa un Mestrado en Literatura, Cultura e Diversidade. No ano 2014 recibe o primeiro premio Xuventude Crea da Xunta de Galicia polo poemario Random. Do quotidiano e en 2015 gaña o Premio Fiz Vergara Vilariño con De como acontece o fin do mundo (2016) e logo o Premio de poesía Cidade de Ourense con Álbum (2020). Como xornalista participa no consello de redación de Novas da Galiza. Na fotografía especialízase no retrato dende unha óptica feminista. Coordena o Portal Galego da Lingua e comisariou un ciclo de eventos artísticos no espazo Numax de Compostela. Dirixe o proxecto UMA, un servizo de retratos individuais para mulleres, no que elas configuran a súa representación coa intención de empoderarse. Forma parte, asemade, da revista de fotografía Caleidoscopica.gal, un exercicio de autoxestión para divulgar online os traballos das fotógrafas. Poesía, a desta autora, nada en Boiro en 1988, vencellada ao compromiso coas mulleres, sempre a carón das de abaixo, as oprimidas. Canto á lingua, Charo Lopes escribe coa ortografía do portugués, porque iso non llimita a potencialidade da lingua, que así ten proxección internacional. Considérase “unha obreira da literatura”. O seu poemario Álbum (2020) reflexiona sobre que comunican as fotografías, que evocan.

Un comentario en “Charo Lopes

  1. Da gusto ler que temos tantas veciñas que poden levar ese bonito nome, “obreiras da literatura”. Grazas, Pastor.
    Que pasedes unhas felices festas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *