Ava: a muller na sombra da lenda

Ava_Gardner_Show_Boat_1951Gonzalo Trasbach. Segundo conta a lenda, foron moitos os homes que pasaron pola vida de Ava Gardner: <El animal más bello del mundo>, como afirmou no seu día Ernest Heminway. O seu paso por España foi tórrido e ateigado de escándalos, soados escándalos con luz e taquígrafos. Chegou para rodar unha película, pero o noso país enganchouna coma un chute nas veas. Neste sentido dixo nunha ocasión: <Me encanta España, porque se parece a mí. Es violenta, rural y caprichosa>. Ava veu ao mundo nunha pequena vila de Carolina do Norte (USA) na alta noite dun 24 de decembro de 1922. De seguir entre nós acadaría os 99 anos o vindeiro día de Noiteboa. Unha pulmonía levouna ao cemiterio un 25 de xaneiro de 1990 (vai facer 32) en Londres, onde se refuxiou nos últimos tempos da súa vida para, entre outras moitas cousas, eludir a presión fiscal española.

A construción do mito arrincou en Nova York. A filla máis pequena dunha familia pobre de seis irmáns, comezou a fumar con oito anos de idade, talvez por influencia da actividade profesional dos seus pais, que cultivaban tabaco e algodón nas súas terras. Aínda que se puxo a estudar para chegar a ser secretaria, a súa vida experimentou un xiro copernicano cando con 15 abrís viaxou a Manhattan para visitar a súa irmá máis vella. O home desta tiña un pequeno estudo fotográfico na famosa Quinta Avenida da Grande Mazá. O seu cuñado fíxolle varias fotos e colgounas na vidreira do escaparate. Era a foto en branco e negro dunha moza campesiña, na que non se lle apreciaba a cor verde limón, como diría Lorca, dos ollos, ou tamén das esmeraldas que tanto lle gustaban e que perdía constantemente nas noites de troula.

Aínda así, un cazatalentos da Metro-Goldewyn-Meyer viuna e non parou de buscala ata atopar a moza campesiña, que un par de anos despois, tras realizar con éxito unha proba, asinou un contrato de sete coa produtora de Hollywood. Así arrincou a carreira cara á cúspide da mitoloxía (e da soidade?). Pero detrás e á sombra da diva sempre estivo a muller e tamén unha grande actriz, o que poucos souberon apreciar. Ao parecer polas súas veas nunca deixou de fluír un río de odio e amor cara á súa profesión.

Ava-Gardner-y-los-hombres-e1541087505588-768x506Na súa dilatada carreira artística participou en 50 películas nos 44 anos de actividade. Na súa traxectoria vital casou tres veces. Os dous primeiros matrimonios, dúas estrelas fugaces: estivo un ano co cómico Mickey Rooney, amigo de Frank Sinatra, e outro co rei do clarinete, Artie Shaw. No 1952 casou con Sinatra. Aínda que tampouco estiveron moito tempo xuntos, tardaron seis anos en divorciarse. A relación resultou tóxica, tormentosa, brutal, apaixonada, mesmo violenta e con episodios de agresións mutuas. Con todo, con Frankie foi co único con quen mantivo unha relación de amizade aínda que só fose a través do teléfono.

Nese mesmo ano veu a España para filmar Pandora y el Holandés Errante. Tossa de Mar, na costa Brava, era o lugar. Pero para ela o territorio español vai resultar definitivo (é o ceo e o inferno á vez): os bares infinitos, os tablaos xitanos, noites de carallada até o amencer, os touros, pero sobre todo os toureiros, como Mario Cabré e Luís Miguel Dominguín. Na noite madrileña bebía ata emborracharse, toureaba autos pola Castellana e cando regresaba ao hotel facíao no camión do lixo. E todo isto era á vista de todos, sen segredos, se sentir a máis mínima vergoña. Saía todo na prensa, cunha sinceridade alucinante, soberbia, pasmosa.

Sinatra, que non levaba precisamente a vida dun monxe cartuxo, cego de ira e celos, viaxou a España para rescatala. Pero ela sempre retornaba. No 1955 tivo unha casa en La Moraleja, un espazo de xolda, de festa continua, aberto até o alborexar. Cando baixou para o centro da capital empezou unha campaña contra ela, para desprestixiala. Ao parecer, mesmo foi vetada a súa entrada no hotel Ritz. No 69, deixou Madrid para instalarse en Londres.

Segundo se conta, é totalmente certo que pola súa cama pasaron non só moitos homes, senón que mesmo divos do cinema coma Burt Lancaster, Clark Gable, Robert Taylor, Gregory Peck, Robert Mitchum…Pero tense dito que tamén odiaba os seus homes, aos que cualificaba de diversións pasaxeiras: <eses tipos que pululan a mi alrededor>, dicía, eses homes que nunca a libraron do seu crecente temor á morte, do medo á morte en soidade. Era neses intres de angustia cando acudía a Sinatra, o único home no que confiaba.

Amaba a noite con loucura: <Cariño, es que cuando se pone el sol, me siento, no sé, más despierta>. Na España todo transcorreu dun xeito tórrido, ardente, desmesurado para Ava. Chegaron a chamarlle de todo: destrozamatrimonios, harpía, demoníaca…>. Os interesados poden atopar en Beberse la vida. Ava Gardner en España, o libro de Marcos Ordóñez, estas e outras moitas anécdotas nas que se veu envolta no territorio español aquela muller que temía durmir soa e buscaba corpos coma salvavidas.

ava-gardner-y-frank-sinatra (1)Pero si que era coma o alcume que lle endosaron quen non a tragaban: “A loba”. Érao no ámbito sentimental e sexual, pero tamén era capaz de ser unha “besta” da interpretación. Recordan La noche de la iguana, onde tiña en fronte a Richard Burton e onde encarnaba a Maxine, a dona do desartellado hotel no que habitan as almas solitarias de Tennesse Williams? Pois ben, neste filme, coma así mesmo en Mogambo, xunto a Clark Gable e Grace Kelly, demostra que é unha actriz que reborda talento: o seu suave dobre mentón, as súas rotundas cadeiras, un ombro ao descuberto, o sorriso acedo da muller que sabe vai seguir fodendo aínda que non sexa con quen desexa, con quen querería.

Despois de divorciarse de Sinatra nunca volveu casar. Antes de morrer, no seu retiro de Londres, escribiu as súas memorias, que acababan así: <Porque la verdad, encanto, he disfrutado de mi vida>. Cando unha vez preguntaron a Sinatra, que faleceu oito anos máis tarde, por ela só contestou: <La llevo en la sangre>. Digan o que digan, todo isto dá forma a unha muller afouta, denodada, contraditoria. Dotada dunha sensualidade e unha intelixencia pouco frecuentes, pero que, sen dúbida, soubo aproveitar ao máximo.

4 comentarios en “Ava: a muller na sombra da lenda

  1. ¡¡Magnifica!!
    Me refiero a la entrada del Sr. Trasbach, plasmando la vida del “animal más bello del mundo” con todo lujo de detalles. Refiriéndose, por supuesto, a la actriz Ava Gardner y a su azarosa vida amorosa. Un personaje que lo disfrutó todo, a pesar de ser una mujer, según cuentan: tiránica e insoportable, caprichosa e insolente, así como ninfómana y escandalosa, entre otros. ¡Casi nada! Sin embargo, aunque nadie dudaba de su exuberante belleza… Es por lo que no entiendo, para terminar, como esta mujer, tan llena de hermosos atributos…, pudo estar casada con Mickey Rooney, un hombre tan bajito y feo.- Como dirían, en nuestra hermosa tierra: paresía un “farracatuso” de home, a o lado de unha muller tan jopa.

    Me ha gustado la historia de Ava: a muller na sombra da lenda

    1. Buenos días, Naty. Gracias por tus elogiosas palabras, que tan bien sientan. En cuanto a lo de casarse con Mickey pues, el amor o tal vez también la necesidad tiene motivos que la razón no entiende. Además, también un periodista le preguntó una vez cómo se había casado con Sinatra, un hombre pequeño y flacucho que solo pesaba 50 kilos. La respuesta de Ava fue tan rotunda como grosera puede parecer. Dijo: porque de los 50 kilos, 47 son de verga, y el resto no me importa (Lo escribo tal como lo refleja en su biografía. Espero que no me lo tomes a mal, pues no está dicho con afán de molestar). Feliz Navidad!!

  2. Boa tarde, amiga Magdalena. Eu tamén o pasei ben contigo. Eu tamén despois poiden presumir de que estivera sentado ao lado da máis guapa da sala, pero con moita diferencia. O do Dominguín é ben coñecido. Pero non foi o único. Pero talvez el pensou que si. En fin. Ava a min gustabame porque era unha muller de moito coraxe, pero tamén tiña medo. Ademais era filla de labregos, como son eu. Boa fin de semana e feliz Nadal.

  3. Querido Gonzalo:
    Antes de contestar á túa magnífica entrada, quero darche as grazas polo ben que mo fixeches pasar o outro día na presentación do libro de Marcos Lorenzo. Na túa compañía sentínme coma na casa. Moitas grazas de corazón.

    Eu quero contarche unha anécdota que lín nun libro de Alfonso Ussía que dicía así “”El gran Miguel González Lucas, más conocido como Luís Miguel Dominguín, vivió un fugaz romance con la bellísima actriz Ava Garner. Cuentan que pocos minutos después de culminar la pasión mútua, Luís Miguel se incorporó y empezó a vestirse apresuradamente. La actriz, más curiosa que inquisitiva, le preguntó:”A dónde vas con tanta prisa?” A lo que el torero respondió :¡ A contárselo a mis amigos !”

    Recordarás que o outro día o noso Fidel tamén dicía que moitas veces ibamos de vacacións a Australia simplemente porque había que contar que se estivera en Oceanía.

    Luís Miguel, tamén tiña que contar que estivera co “animal máis bello do mundo”. Pero agora o que me gustou amín, foi que ti nos deixaras esta estupenda entrada. Vou a contarllo a J.M.

    Unha aperta, querido amigo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *