Enchente

CxIS7OgUAAEB8z1Fidel Vidal. A escrita ía de opíparos xantares, de óperas e operacións a corazón aberto, á beira dun canal, quer dicir, na canle dunha escura e nocturna beirarrúa. Agardamos pola quenda literal dos manxares a mans de leiteiras con poxa. Ou literarios? Só había que deitarse á espera dunha espléndida sesión de prosopopeas experimentais, compartidas coa cirurxía especializada en especias que adoban a maxistral pitanza –pitos e frautas acompañando a escena- disposta e a disposición do público en xeral, incluída a tropa e aqueles impúdicos que non desdeñan sentarse, espelidos e espidos, á mesa mesta de abundante e boa lectura, comedia ou media codia en ensalada de letras e leitugas.

Entramos a ler, cadaquén coa súa esmerada educación de colexio de pago ou dos mesurados modais de escola pública. Non en balde era necesario manexar protocolo e cubertos para que a cerimonia resultase vistosa seguindo os canons de urbanidade. Así foi: harmónica e viscosa, cargada de bombo e pratos, de bombóns e partos para pillabáns sen ningunha formación acamédica nin académica, e iso que ía de tratamentos, de ti ou de vostede, de trata de negros e brancos en branco e negro, malia que os manxares amosaran cores vivas –viva El Rei!-, na varanda de cada fonte (surtidor de auga fresca con chorros de máis de vinte metros de altura), e das fontes de camaróns como apetecibles entrantes que acoden a unha festa patronal, nun alarde de final de luz e son. Igualiño a unha competición festeira entre parroquias veciñas a vida ou morte.

Entrei na lectura con ansias e fame de frases enxeñosas, agudas e ocorrentes. De tanto ler acabei consumindo o alfabeto, até non quedar vogal que levar á boca nin consonante coa que sonar os mocos. Inxerín palabra a palabra, unha a unha, sílaba a sílaba ou letra a letra, segundo forma e tamaño, redondas ou cursivas, e outros signos ortográficos –comas, puntos e comas, puntos suspensivos, parénteses, acentos circunflexos, apóstrofos, corchetes-, para rematar co prato sopeiro onde aboiaban os elementos fechados, particularmente as oufanas e infladas maiúsculas Q, O, B ou D, mesturadas coas minúsculas o, e, a. No fondo repousaban pousos maiormente de E, I, i, Y, y, u, e demais elementos gramaticais que ficaban enganchados uns cos outros. Unha fartura difícil de dixerir por culpa das interrogantes e admiracións, pero enchente ao fin. Diso se trataba.

3 comentarios en “Enchente

  1. En un año tan difícil, todos deseamos que el próximo sea mejor.
    Feliz Navidad a todo ese magnífico grupo de tertulianos del Café Barbantia.
    !!FELIZ 2022!!

  2. Bos días, querido Fidel:

    Quero comenzar dicindo que xa me ficheches rir logo de mañá. Pepa, a nosa antiga leiteira, sempre nos deixaba a poxa. Agora ben, teño que dicir que a nosa casa era a última na que o leite da “Marela” e da “Xubenca” baleiraba a pota, e entón tiñamos a sorte de recibir ese chorriño como agasallo, e que logo nas máns da miña avoa Encarnación se trocaba en manteiga para untar nesa media codia da comedia da merenda.

    Eu sempre entro nas lecturas con ansia de fame, porque aquí sempre atopo frases enxeñosas, Desexo que ese pratiño sopeiro cheo deses elementos gramaticais, fose fácil de dixerir, e a enchente resultase proveitosa.

    Un pracer lerte, noso Fidel. A túa lectura sempre é AMENA porque EMANA sabeduría.

    Moitos castos biquiños.

    1. Boa noite, querida Magdalena: Xa non hai leite con tona, con aquela nata para untar no pan e por riba unhas areas de azucre. Agora estílase o leite desnatado, lacón deslaconado ou café descafeinado. Todo sexa pola saúde, pola magnífica saúde que os seguidores de tales prácticas deben estar a padecer. Castos, apertas e saúde, e o RESTO a TOSER.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *