O custo do poder

aFidel Vidal. A historia do poder está ligada ao control dos espazos. No século XVIII, os médicos foron en certa medida “especialistas do espazo. Propuñan catro problemas fundamentais: o dos emprazamentos (climas rexionais, natureza dos chans, humidade e  sequidade), o das coexistencias (xa fosen dos homes entre si; densidade e proximidade; xa fosen de homes e cousas: augas, rede de sumidoiros, ventilación; xa fosen dos homes e animais: matadoiros, cortes; xa fosen dos homes e os mortos: cemiterios); ou dos desprazamentos (emigración, propagación de enfermidades)” (Foucault, M., “O ollo do poder”, Cf., Bentham. J, O panóptico).

Bentham deixou escrito que o seu procedemento óptico era a gran innovación para exercer ben e facilmente o poder. “Actualmente, sería falso dicir que o principio de visibilidade dirixe toda a tecnoloxía do poder desde o século XIX”. “É preciso estar incesantemente baixo a mirada dun inspector; perder a facultade de facer o mal e case o pensamento de querelo”. O que o inspector poida intervir en calquera momento sen previo aviso e sen que o suxeito se decate, a través de “cruces” na rede como se leva a cabo na inspección de facenda.

1024px-PanopticonDo panóptico de Bentham pasamos á rede actual, facendo efectiva a mellor e máis eficaz maneira de vixiar os demais. Mesmo pasamos de “ser visto” a “ser controlado” (con ou sen visión): a vixilancia sen ollos. Noutrora no centro e no alto (do cárcere, das salas manicomiais, dos internados), estaba o ollo que o vía todo. Cos avances tecnolóxicos pódese controlar desde a periferia, desde a cama do poder, dono da información. A información é o soporte. A obra non é a estatua senón o pedestal, o soporte, velaí unha proposta innovadora dentro da escultura. O soporte como obra (non de arte) e como poder.

Ao non atoparse cara a cara diante do outro (sexa ou non o inspector), o suxeito deixa de ser persoa. As protestas individuais desaparecen, xa que logo, non hai ninguén no lugar da protesta porque non hai lugar. O funcionario (lembremos O Castelo de Kafka) cumpre co seu traballo, que é unha función que el mesmo descoñece, e que nada ten que ver co suxeito nin sequera co castelo. “Unha mirada que vixía, e que cada un, sentíndoa pesar sobre si, termine por interiorizala até o punto de vixiarse a si mesmo; cada un exercerá a vixilancia sobre e contra si mesmo. Marabillosa fórmula: un poder continuo e dun custo, en último termo, ridículo!”. Imaxinaríase Foucault que coa “rede” o custo do poder deixa de ser custo para converterse en ganancia? A máquina de vixilancia, as novas tecnoloxías, agora non son á conta do poder senón do mesmo usuario ao que vixía. E canto máis uso maior ganancia e maior control.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *