Crane VS. Auster

9788432239052Xerardo Agrafoxo. Este non é un libro. Este é un monumento, un monumento literario. Unha obra de máis de mil páxinas dedicadas ao «Mozart» da literatura norteamericana. Stephen Crane, que naceu o Día de Defuntos e morreu cinco meses antes de cumprir vinte e nove anos, foi o noveno fillo supervivente dos catorce que tivo un devoto matrimonio da Igrexa Metodista de Nova Jersey. Durante a súa curta existencia traballou como reporteiro para combater a pobreza que sempre o acompañou. Despois dun comezo narrativo prometedor, escribiu A insignia vermella da dor, un relato sobre a guerra civil norteamericana. O éxito desta obra, levada ao cine por John Houston, procuroulle un nome, un prestixio que o achegou a documentar como xornalista a guerra greco-turca de 1897 e a guerra da independencia de Cuba en 1898. Paul Auster reconstrúe con rigor cada paso deste autor, que sufriu un naufraxio e fixo amizade con escritores da talla de Henry James e Joseph Conrand. Un home dono dunha vida tan fugaz como intensa, un mozo que se enfrontou coa policía de Nova York e se namorou do salvaxe Oeste. Emocionantes son as páxinas finais, cando a tuberculose o levou até o balneario alemán de Badenweiler onde morreu uns días despois. Por certo, no mesmo lugar onde finaría catro anos máis tarde Antón Chejov. A Crane levárono en tren e barco até o cemiterio de Evergreen en Nova Jersei. O cadaleito de Chejov foi até Rusia nun vagón preparado para levar ostras e ser soterrado no cemiterio moscovita de Novodévichi. La llama inmortal de Stephane Crane (2021) é un monumento literario sobre unha época e sobre unha figura mítica da literatura universal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *