A cor áspera do veludo, de Xulio Pardo de Neyra

a corFidel Vidal. (Primeira lectura. Da lingua) A cor áspera do veludo (Xulio Pardo de Neyra, Toxosoutos, 2021), “artefacto literario susceptible de múltiples e poliédricas lecturas”, segundo comenta Ramón Nicolás no Limiar, mergúllanos nas fonduras dun léxico estimulante e atraente que, no meu caso, máis dunha vez levoume a botar man do dicionario, cousa que agradezo. Este poético artefacto amósase de facto como unha auténtica arte da letra, do verbo e da fala. Unha arte literal e mesmo da liteira onde con gusto xéranse os proxectos máis íntimos. Unha cor encorada na lingua e na boca capaz da fala e da blasfemia, do falo e da femia. Beber, succionar, chupar, morder, sorber, incluso afogar. A cor áspera á espera dunha pera gozosa a carón do pube peludo.

“A lingua extirpada”, velaquí o título da primeira parte, á contra da lingua absolta de Elías Canetti, quer dicir, unha lingua castrada. Unha lingua que nin sequera se asomou fóra da boca para nos facer burla. Ai dos galegos que dominan o inglés ou o alemán e non son quen de falar no idioma dos seus avós. Talvez porque naceron co bico partido ou beberon do veleno que lles deixou esa eiva incurable que llelo impide. Falo na lingua de meu, de nós. Co bico partido, ferido pola ofensiva de fóra (p. 20). Porque a nosa lingua viviu e vive na ameaza constante da mudez, no esforzo contra un sentimento de menosprezo e inferioridade vergoñenta, no desasosego dunha loita por atopar o sol que a reanime e recobre, con ela, o seu orgullo e, por completo, a memoria. Voa./  Segue a voar./ Dándolle luz ás tebras indignas dunha terra sen case memoria (p. 18).        

O desexo vai diso, de sexo. De vida impulsada por Er(r)os e pola fala que o di e o falo que o significa, por fala(o)-dor(a), o falo significante fal(o)seador doutros significantes. Lingüística lingual que se sabe faladora./ Fálico desexo que encasula o tempo,/ e que aperta o destino de miles de anos de exercicio e capacidade (p. 26). É necesario exercer, exercerse, manterse en forma, non decaer, parolar, darlle á lingua que sabe e saborea en cada grolo, en cada beixo, en cada verba. Borboríñame nas glándulas e exacúlame léxico./ Coa lingua. Coa túa. Coa miña. Coa nosa. (p. 26). Da man do poeta concordamos cos versos da “Cod(i)a”, nos desexos dun cordo acordo para que a memoria non esqueza: Oxalá que a inmemoria abandone a nosa raza./ Oxalá. (p.55)          

5 comentarios en “A cor áspera do veludo, de Xulio Pardo de Neyra

  1. Boa noite, amigo Fidel. Estou plenamente de acordo co que dis. Neste senso, se tiveras tempo e gañas, o vindeiro 4 de febreiro presentarase no Centro Social de Boiro (20.00 horas) un libro que intenta abordar esas complexas cuestións. O título é “Sexo y silencio” e o seu autor Ignacio Castro Rey, un filósofo muy admirador de Lacan e Freud, por certo.

    1. Bo día amigo Gonzalo. Lamento con sinceridade non poder acudir a Boiro nesa data. Xa me gustaría. Ignacio Castro Rey, amigo teu co que xa publicaches neste Café unhas conversas con el, é para min un dos filósofos coa cabeza máis crreadora e analítica do noso país. Cada presenza del, como esta que teredes en Boiro, supón un verdadeiro acontecemento cultural. Parabéns. Del teño lido, entre outras, “La sexualidad y su sombra”, polo que esta nova obra, “Sexo y silencio” meteranos noutras reflexións sobre o tema. Haberá que botarlle non un ollo senón os dous ollos. Teño que confesar as miñas limitacións para entrar con facilidade nos seus traballos. De todos xeitos, malia as miñas dificultades, sempre paga a pena achegarse aos seus escritos. Reitero os meus parabéns por esa presentación.

      1. Boas Fidel. Non hai problema. Pero a túa presenza garantía seguramente máis dunha pregunta e iso animaría o posible debate. Unha pena. Outra vez será. Apertas.

  2. Bos días, admirado Fidel. Dices “o desexo vai diso, sexo”, mais só vai de sexo ou hai algo máis? Disculpa a torpeza da miña pregunta. Aperta.

    1. Bo día e moitas grazas, prezado e admirado Gonzalo. Xa me gustaría parte da túa torpeza para min. Preguntas se o desexo só vai de sexo. Alén da licencia que tomei do xogo de palabras, naturalmente que vai máis aló. Sen embargo, o desexo, ligado a unha falta, a unha carencia, ten especial relevancia o seu carácter sexual. O que sucede é que con demasiada frecuencia confúndese sexo con xenitais. E aquí regresamos á palabra, ás leis da linguaxe, que eliminaron da bioloxía que responden a unha necesidade (capaz de saciarse) e colocar o desexo do lado do gozo (insaciable). Quero dicir, que cando falo de sexo refírome ao erotismo, á pulsión de vida (Eros), daquilo que anima, da ánima, en contra da pulsión de morte (Tanatos). E aquí -perdoa a miña torpeza-, vou forzar unha cita: “A alma ou é literatura o non é nada”, do noso admirado Pessoa.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>