Os ditosos anos do castigo, de Fleur Jaeggy

os ditosos anos do castigoXerardo AgraFoxo. Coñecía desta autora, unha suíza que reside na actualidade na cidade de Milán, un libro titulado La paura del cielo (1998), sete relatos tinxidos dun terror tan sutil e uns personaxes tan violentos que deixaban xélidos os lectores. Agora –grazas á editorial Rinoceronte e a Cristina González Piñeiro– aparece a súa primeira obra vertida ao galego. Trátase dunha novela curta –gañadora do Premio Baguetta en 1999– que garda certa relación co anterior libro pola atmosfera que envolve o seu argumento, onde as emocións ocultas e o ambiente opresivo percorre as súas páxinas.

A acción sitúase nun internado de rapazas no cantón de Appenzell, “nos lugares por onde Robert Walser paseara tantas veces cando estaba no manicomio”.  Así comeza a novela, con esta referencia metaliteraria que non semella gratuíta porque nos sitúa nun escenario amargo e melancólico: “Morreu na neve. Hai fotografías que amosan as súas pegadas e a postura do corpo na neve”. Polo que se revela da autora nunha das lapelas, semella que a historia que nos conta é autobiográfica.fleur-jaeggy Unha moza de quince anos, enclaustrada nun colexio feminino, confesa, coma se fose unha das irmás Brönte, as súas tristes vivencias:  dende que un día coñece a fermosa  Frédrérique, o seu primeiro amor, ata que esta lle revela anos despois –a través dunha carta– que se encontra internada nun manicomio, coma Robert Walser.

Apenas noventa páxinas, pero unha historia densa e precisa. Unha viaxe interior, ateigada de traumas e silencios. Unha explícita denuncia contra un modelo educativo que só consegue estrangular as ambicións das rapazas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *