Galicia e os galegos na poesía castelá CLXI. Luis Cernuda

Las-Nubes-Desolacion-de-la-QuimeraRomán Arén. Cernuda rematou por ocupar un lugar central na poesía española do século XX, mais non sempre foi así e non hai máis que lembrar a frouxa, e ás veces negativa, recepción que obtivo o seu primeiro libro, ao que acusaban de depender en exceso de Jorge Guillén. Ás veces, cando pensamos en Cernuda facémolo como poeta amoroso, o poeta dos amores e praceres prohibidos, ou no poeta elexíaco e mesmo no poeta da nostalxia de España no desterro. Isto último anoxábao, porque consideraba que esta era a máis minoritaria das súas tendencias poéticas. Polo demais, Torrente Ballester chegou a escribir que era un poeta alleo á tradición española, aínda que logo corrixise ese xuízo. Mais Cernuda é, tamén, un gran poeta cívico, político na boa acepción do termo, e non hai máis que ler o poema “1936” de Desolación de la Quimera (1962):

“Recuérdalo tú y recuérdalo a otros,/cuando asqueados de la bajeza humana,/cuando iracundos de la dureza humana:/Este hombre solo, este acto solo, esta fe sola./Recuérdalo tú y recuérdalo a otros” e onde nos lembra “Que aquella causa aparezca perdida,/Nada importa;/Que tantos otros, pretendiendo fe en ella/Sólo atendieran a ellos mismos,/Importa menos./Lo que importa y nos basta es la fe de uno”. De que está a falar Cernuda é dun voluntario da Brigada Lincoln, e teño escoitado a varios republicanos que este sería o poema que quixesen que lles leran no seu enterro. Pois ben, son máis os poemas cívicos de Cernuda: “A un poeta muerto (F.G.L.)”, “Elegía española (I)”, “Soñando la muerte”, “Lamento y esperanza”, “Elegía española (II)”, “Niño muerto”, “Resaca en Sansueña”, “Impresión de destierro”, “Un español habla de su tierra”, todos incluídos en Las nubes (1940), pero escritos algúns durante a guerra civil.

11485754Pero é en Desolación de la quimera onde está o poema que nos interesa “Díptico español”, adicado a “Carlos Otero”. Este dedicatario é o galego Carlos Peregrín Otero, nado en Lourenzá en 1930, lingüista e crítico, profesor das universidades de Berkeley e da UCLA, que preparou o libro Invitación a la poesía de Cernuda (1975).

Ademais adicoulle un bo artigo, “La tercera salida de la Realidad y el Deseo”, que logo incluíu no seu volume Letras I (Barcelona, 1972). Como o título indica o poema “Díptico español” está estruturado en dúas partes: “Es lástima que fuera mi tierra” e “Bien está que fuera tu tierra”. É un poema estenso e cito só os primeiros versos:

Cuando allá dicen unos/Que mis versos nacieron/De la separación y la nostalgia/Por la que fue mi tierra,/¿Sólo la más remota oyen en mis voces?/Hablan en el poeta voces varias:/Escuchemos su coro concertado,/A donde la creída dominante/Es tan sólo una voz entre las otras.

Polo demais Cernuda era de orixe galega polo seu avó paterno, como el mesmo lle indica nunha carta a Eduardo Moreiras: “Vive usted muy cerca de Marín, de donde era mi abuelo paterno. Somos casi paisanos”.

A carta editouna Luz Pozo Garza en <Clave Orión> en 2002-2004. Lembrar tamén que en Galicia está situado o conto “En la costa de Santiniebla”, publicado en <Hora de España> en 1937 e que fai referencia á represión en Rianxo, a partir de informacións de Rafael Dieste. Fóra desta nota quedan os xuízos de Cernuda, ás veces polémicos, sobre Rosalía de Castro e a súa relación co galego Serafín Ferro, que deu orixe á novela de Andrés Sorel Apócrifo de Luis Cernuda (2004).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *