Pilar Sampedro. Hai uns meses asistín a unha das sesións do XI Seminario sobre Memoria Histórica de Nova Escola Galega. Unha actividade de formación do profesorado que leva tempo poñendo a mirada sobre os tempos da represión franquista e sacando á luz historias que ficaban na escuridade e o silencio. Todas as actividades do seminario acostuman ter moito interese; aínda así, gustaríame resaltar algunhas iniciativas coma os encontros con persoas que foron testemuñas directas, protagonistas de feitos de gran calado. Refírome a eses instantes nos que podemos escoitar a Quico falando coa sensibilidade de alguén que xa pasou por todas e mantén un sorriso franco, sen afán de vinganza, igual que temos escoitado a Luís, O Ferreiro, cantar –sen poder evitar as bagullas– o himno que o mantivo en pé no medio da tortura. Persoas que sufriron demasiado e continúan a manter a esperanza na humanidade!
Pero agora, quería falar doutra iniciativa á que tiven acceso directo este ano: a campa das laudas en Cerdedo. Na páxina de Patrimonio Galego, aparece así: “O Campo das Laudas nace no ano 2016 a mans do colectivo Capitán Gosende. Localizado na Fontedorraca, predio das Raposeiras, este proxecto de iniciativa privada nace como tributo ás persoas que, no concello de Cerdedo, deron a vida ou comprometeron o seu benestar en prol da democracia e da liberdade.”
Cada lauda dedicada á memoria dun exiliado, asasinado ou esquecido, e todas elas distintas e realizadas en pedra granítica polo escultor Marcos Escudero. Situadas na leira dun dos compoñentes do colectivo, porque as propiedades particulares dos xenerosos, tamén poden servir para isto, para facelas públicas nun acto de xustiza.
Pois ben, asistía eu á colocación da última lauda; arredor delas estaban as persoas asistentes ao Seminario e algunha outra que acudía ao chamado. Polo medio o escultor e o seu can, tranquilos, tamén escoitando. Cada lauda foi presentada por un dos artífices do proxecto. Entre o que se nos dixo houbo algo que me emocionou: algunha familia empezou a levar flores á campa onde aparecía o nome dun dos seus, asumindo ese lugar como sagrado.
Rematado o acto, houbo unha poxa de libros para conseguir cartos con que pagar, minimamente, o traballo do escultor. Poxábanse libros, nin galiñas nin anacos de porco, libros, porque o lugar é así de especial e pleno de dignidade. Viñemos para a casa coa emoción de saber que aínda o home é novo, aínda a muller pode criar outro mundo.
O Campo das Laudas é un proxecto infinito. Antes de que chegue o verán, o mestre Francisco Varela Buela terá a súa lauda. Don Paco, o mestre foi condenado a morte, despois a cadea perpetua, máis adiante quedou libre e tamén apartado do ensino.
Este proxecto é infinito. Antes de que chegue o verán, o mestre Francisco Varela Buela (condenado a morte, despois a cadea perpetua e logo apartado
do ensino) terá a súa merecida lauda.