X. Ricardo Losada. Hai ideas que me parecen fermosísimas, como esta que di Lisa Randall, especialista en física de partículas, nunha entrevista de promoción do seu último libro Llamando a las puertas del cielo: “O Gran Colisionador de Hadróns (GCH) parece un intento de toma de conciencia de si mesmo por parte do universo físico”. Como é sabido, no GCH do CERN de Xenebra aceléranse protóns a velocidades próximas ás da luz para simular sucesos inmediatamente posteriores ao Big Bang. Deduzo libremente das palabras de Randall que nese GCH non lle estamos a facer unha foto ao universo, estamos prestándolle a atención que desesperadamente nos pide. Gústame pensar que esa inmensidade en expansión a velocidades inimaxinables que é o universo, se sentía só e desamparado, e que, como un neno que molesta porque quere saber que existe, creou unhas leis físicas que esixen, tras innumerables estoupidos xigantescos, a aparición dun ser que o mire con tanta dedicación como o GCH require.
Leo esa mesma idea nunha crítica de Emilio de Benito a un libro titulado A razón pola que salto, de Naoki Higashida, un neno que aos 13 anos conseguiu vencer o illamento case absoluto do seu autismo grazas a unha táboa de símbolos, ideada pola nai, que lle permite ter voz propia. Naoki rompe os tópicos sobre a súa enfermidade (“Nunca vos dades conta do infelices que somos”, “Seguide axudándonos ata o final”), mostra as súas frustracións e aos do seu entorno, e responde preguntas como Por que os autistas falamos tan alto e tan raro, Por que somos incapaces de manter contacto visual, ou Por que saltamos. Todo contado cun optimismo que busca animar a pais de nenos autistas a romper a cuncha que os rodea. Unha cuncha que, por moito que se diga, non é parte definitoria da súa personalidade.
Aínda non lin eses libros, pero estou desexándoo. Encantarame volver comprobar, para máis en ámbitos tan inesperados e distintos, que a famosa frase de Sartre “O inferno son os outros” é falsa.
Que cousas! Colisionador de hadrons? Eu so coñezo o de ladróns!
O universo pide a nosa atención!. Que é iso do Universo? E, o Big Bang que vén sendo? Non sei eu tanto… e penso que nunca darei acadado semellante nivel. E para rematala relacionar todos eses contos do CER de Xenebra co neno autista. Felicítoche pola túa grande imaxinación e fe na Ciencia.
Pola fe na ciencia non hai que felicitarme. Todos a temos: chega con usar o móbil e crer que alguén real nos fala ao outro lado, ou con subir nun avión coa (relativa) seguridade de que non vai caer.
Grazas polo comentario.