A urxencia de retomar o lugar

En 1961, Piero Manzoni constrúe «A base do mundo»
En 1961, Piero Manzoni constrúe «A base do mundo»

Lucía Romaní. Camiñar e deterse para contemplar (o extraordinario do mundo). Sentarse nun banco para esperar -cando ninguén espera-, ou simplemente ver xente pasar. Intercambiar miradas cun estraño, compartir o anonimato. A rúa é ese espazo onde todo é posible por imprevisible. Un lugar onde deambular, ir dun lugar a outro, libremente; ser un máis entre a multitude. Un espazo de conquistas e achados, intercambios e relacións (sociais, materiais, simbólicas,?), pero tamén de negociacións e de conflitos de intereses, manifestados en todas a súas dimensións.

Do menhir ao graffiti, do monumento ao panel publicitario, entre as torres de comunicacións e diversas iniciativas empresariais no ámbito urbanístico, as relacións xerárquicas e instrumentos de poder (mitos, códigos morais, rituais, reliquias?) prevalecen ou se transforman en novas relacións, igualmente xerárquicas. Baixo o efecto decorativo destas estruturas simbólicas subxacen oligarquías cuxas políticas son pactadas coa administración pública vendendo o espazo público ao mellor ofertante. A cidade revélasenos hoxe inconsciente e consumatoria, insustentable en termos económicos, ecolóxicos e sociais. Unha paisaxe onde o goce e os desexos parecen ser implantados sutilmente, no noso subconsciente, coa intención de debilitar a nosa formación de opinión e modificar a nosa conduta. Un universo onde habita o exceso -do comprable- e a ausencia -do sensible.

piero-manzoniEsta situación onde a libertinaxe de expresión encobre o libre pensamento e na que se usa enganosamente a lexitimidade popular, conduce como advirte Juan Luis Moraza, ?a un severo proceso de aculturación xeneralizada? feito que leva a unha progresiva degradación social e tamén artística, na fusión desta co mercado económico. Por tanto, resulta urxente buscar novas pautas de relación que regularicen o estado desigual e anárquico do liberalismo actual partindo dos dereitos, necesidades e desexos do cidadán.

Deixar facer descontroladamente pode dar paso a deixar de facer. Observar con cautela e ir descubrindo aquilo que está aí para un. Tocar a pel do mundo sen danala, explorar intuitivamente. Darlles voltas ás cousas -cambiar de situación, posición, alturas?- e volver ao punto de partida coa intensidade da primeira vez. En 1961, Piero Manzoni constrúe A base do mundo convertendo A Terra en obra de arte. Unha intervención mínima sobre o pedestal (a placa está xirada 180 graos e debe ser lida ao revés) que nos debería facer reflexionar sobre a importancia do lugar -que pisamos cada día.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *