Haikus Zen. Un descubrimento

haikusRomán Arén. Lonxe nos queda Xapón e lonxe a súa literatura, aínda que agora contemos con algunha tradución directa, porque as máis antigas están feitas a través do inglés e do francés. Ben sabido é que o “haiku” é moi representativo da literatura nipona (por certo, en Xapón segue a haber grandes poetas en chinés) e que logo se estendeu a moda, o influxo se queredes, por Europa e por América (J.J. Tablada), sen que falten entre os galegos (Helena Villar, Miro Villar). José Olañeta, o editor mallorquín, leva tempo editando a un grande autor xaponés: Natsume Soseki (quizais en Occidente debería polo ao revés, pois Natsume é apelido), é dicir, Natsume Kinnosuke (1867-1916). Foi narrador, poeta en chinés, profesor de inglés e magnífico autor de Haikús e apareceu non hai tanto “Haikus Zen” na edición Soiku Shigematsu e en tradución de A. Pérez e J.M. Álvarez Flores. Aí van dous exemplos: “Templo flor del ciruelo/ se alzan voces/ de las colinas.” “Me gustaría/ renacer tan pequeño, como violeta.”

Os tradutores elixiron a forma libre de tres versos e puxeron o acento no punto de vista zen. Reproduce o libriño tamén algunhas cartas de Soseki e ilustracións con pinturas súas e caligrafías, pois foi un grande calígrafo. O mesmo editor publicou “Habitaciones y otras piezas breves” en tradución de Abel Vidal, relatos curtos da súa estancia londinense, e outras tres obras. soseki1A quen lle interese a poesía oriental e o zen (amigo Cartea bótalles unha ollada) deben ler este libriño. En Xapón é aprezado moito polas novelas. Son un gato e Sanshino. Buscou, e quizais atopou, o abandonado eu, admirou a tradición occidental pero rexeitou a submisión xaponesa a Occidente, pois cría que tiñan que gardar as súas tradicións. O seu non-eu ou “muga” cristaliza, din, sobre todo na súa caligrafía: “He dejado el mundo atrás:/ hasta las calles concurridas/ son una escena antigua”. Pero non perdeu o amor ao “doce reino da terra” (Bernanos dixit); “Sin saber por qué, / me siento unido a este mundo/ al que venimos sólo a morir”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *