Deserto Barbanza

deserto barbanzaAgustín Agra. Medramos, as rapazas e os rapaces da miña xeración, coas imaxes de Fauna e Mundo submarino prendidas da retina. Millóns de telespectadores daquela época escoitamos falar por primeira vez de ecoloxía nos documentais de Jacques Cous-teau e Félix Rodríguez de la Fuente e, pouco e pouco, fomos tomando conciencia dos problemas medio ambientais do planeta. A educación ambiental entrou daquela nos plans de estudo. Nos currículos educativos comezaron a tratarse temas relacionados coas actuacións humanas e os seus impactos no medio. O cambio climático fíxose habitual nas novas dos xornais e demais medios de comunicación. Acontecementos importantes, como a sinatura do protocolo de Kioto, recibiron ampla cobertura. Quedará, a día de hoxe, alguén que descoñeza a importancia e a gravidade do que está a ocorrer?

Porén, malia a tanto empeño, cando contemplo a Serra do Barbanza, coido que a mensaxe non xermolou en nós. Onde outros queren seguir vendo natureza exuberante eu tan só vexo leiras, leiras de piñeiros e eucaliptos -esa praga traída das antípodas, e espallada á mantenta, que deseca e acidifica o solo impedindo o crecemento de calquera outra especie. Malia que eu agardaba -iluso de min- que se implantasen unhas políticas forestais que levasen á súa progresiva substitución por especies caducifolias autóctonas, as propias do país, ocorreu xusto o contrario.

A vaga de incendios forestais non fixo senón agudizar o problema; a súa gravidade vai moito máis alá da simple queima da vexetación. A perda da cuberta vexetal leva, apenas a chuvia comeza a actuar, á erosión e á perda do solo, e esta a unha desertización galopante e, na práctica, de difícil reversibilidade.

A desaparición de especies, algunhas tan emblemáticas como o lobo -cazado asemade ata o exterminio co beneplácito de quen tiña a obriga, política e moral, de protexelo- é unha das consecuencias lóxicas.

Enerxía_eólica_-_O_Pindo_-_GaliciaTampouco podo deixar de reparar a miña ollada nin no impacto das canteiras -feras mordedelas sobre a face da Terra- nin na dos eólicos: cara a onde van as novas pistas abertas no monte que, cando menos en aparencia, conducen a ningures; quizais a un futuro ateigado de muíños de vento?

O cambio climático e o quecemento do planeta -as predicións falan dun aumento de temperatura de entre 1,4 e 5,8º C e unha diminución na pluviosidade de entre 50 e 80 mm neste século- lévannos a un escenario -agás nalgunhas zonas no Cantábrico- de clima Mediterráneo. Xa que logo podemos ir despedíndonos da imaxe da Galicia verde: a non moito tardar a nosa paisaxe será similar á que hogano podemos contemplar no norte de Portugal. A nosa vista non nos mente: a serra estase a converter nun inmenso pedregal; un árido deserto batido polo vento.

Mais, para que mentirnos? O certo é que en nada nos sorprende a conduta humana. Ben sabemos que a depredación sen control forma parte da lóxica do comportamento da nosa especie. Podemos autoenganarnos ante o que vemos e o desafío que isto implica. Podemos, pero mantendo a certeza absoluta de que, se non comezamos a poñer freo á desfeita…

Daquela, a que agardamos para reaxir? A que?

A vista non nos mente: a serra estase a converter nun inmenso pedregal, nun árido deserto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *