Xerardo AgraFoxo. Dende o mosteiro de San Pedro de Rochas, o irmán Vicente, que foi acollido na vida monacal hai apenas uns meses, conta, “despois de que xa servín a tres reis”, os tráxicos acontecementos ocorridos no seu lugar de nacemento, Cangas do Morrazo, no ano 1617: “sucesos que cambiaron de xeito radical a vida da vila e singularmente a da miña familia e a da maioría de moitos veciños”. E conta tamén o Auto de Fe celebrado catro anos despois na catedral de Santiago contra sete mulleres da mesma bisbara, entre elas, a lendaria María Soliño, acusada de “bruxa malvada, asasina de nenos e que renegaras de Deus”.
Así é o argumento desta novela, gañadora do IX Premio Ateneo da Cidade de Valladolid, que polas sombras e luces que pairan por cada unha das súas páxinas semella un lenzo barroco. As primeiras, as tebras, representadas polo escenario da época retratada: os castigos do Santo Oficio da Inquisición, a presenza da bruxaría nas praias da Ría de Vigo, as dramáticas invasións dos piratas turcos e o fanatismo dun poder xusticeiro e omnímodo. As segundas, as candeas, escintilan pola habelencia do autor cando tece con man firme un cadro con tres cores básicas: o dominio da lingua, moi axeitada ao pano de fondo no que se desenvolve a acción; a excelente documentación que amosa sobre a época, sen apenas dificultar a lectura nin enturbar os capítulos con precisións innecesarias; e a propia estrutura da obra que, sen sobresaltos cronolóxicos salientables, avanza cunha clara vontade de contar un episodio cruel do noso pasado.
Se te achegas a este obra con acougo, deixándote levar polas engurradas mans do irmán Vicente, “a voz do vento”, atoparás, ademais dunha historia abraiante, un fermoso lenzo, unha novela curiosa e inquietante.