La librería ambulante, de Christopher Morley

christopher morley la libreria ambulanteAntón Riveiro Coello. Ás veces imos pospondo lecturas que permanecen nos nosos andeis durante meses ou anos. Máis dunha vez, antes de lles darmos a oportunidade, pasamos algunhas páxinas deses libros, acariñámolos, ulímolos e despois colocámolos onde estaban. Pero sabemos que algún día volveremos repetir os xestos e, quizais, os abramos polo principio para ficarmos alí para sempre. Un destes é La librería ambulante, de Christopher Morley (1890-1957), un clásico da literatura norteamericana que non leva moito tempo na casa, entre outras cousas porque non hai tradución ao galego e a versión española feita por Periférica tardou máis do debido, demasiado diría eu, porque logo da súa lectura non deixa de asaltarme a pregunta de canto podería significar este libro nas miñas mans con catorce ou quince anos. Estou certo de que me había engaiolar moito máis que as novelas de Silver Kane ou Marcial Lafuente Stefanía, que daquela era o que eu máis lía.

A base argumental de La librería ambulante é unha historia simple e deliciosa. Helen, ama de casa, e Andrew Mchill, escritor e agricultor, son dous irmáns que viven nunha granxa de Nova Inglaterra, nos Estados Unidos. Alí levan unha vida acougada até que un día aparece un vendedor ambulante de libros, subido nun curioso carromato, unha sorte de negocio que quere traspasar porque xa está canso de percorrer tantos camiños. Esta chegada será o detonante que arrastre esas vidas amortecidas polo fastío e a rutina do rural cara ao lugar dos soños, uns soños que o lector compartirá nunha viaxe curiosa, unha veces delirante, outras previsible, pero sempre, e este é un dos méritos, divertida.

libreriaA miña impresión de adulto talvez podería caer na tentación de tratar o libro como literatura menor, sinxela, popular, inocente, pero hoxe non vai haber máscaras. O que fala é o rapaz lector que habita en min e que gozou con esta literatura lixeira, si, pero entretida e cargada de humanidade, humor, tenrura e un desmesurado amor pola natureza e os libros, que non é pouco.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *