Colo materno, de Nuco, escultor rianxeiro

Colo maternoEme Cartea. Introduzo a Nuco, escultor rianxeiro, con dous versos de Ferrín: “O artista é aquel / que se resiste á morte”. E fágoo perante un homo que reúne na súa persoa os tres cualificativos primixenios que nos definirían como humanos: faber, sapiens e ludens.  Afirmo que Nuco traballa con afán; Nuco reflexiona, recrea e transforma a realidade; Nuco goza co que fai. E engado: é certo!

Unha situación privilexiada, si, pero que hai que gañar. Con dous pés, un na terra e outro no mar, un día bota a andar as súas mans de artista, xa serodiamente. E descobre a dignidade dos diversos materiais. Nuco corrixe o traballo do mar conferíndolle vida ás formas neutras da pedra. Nel, a madeira recobra a seiva baixo o formón. O ferro alivia a súa tensión e faise carnal. A fibra de vidro obedece a chamada das formas con precisión e agarimo.

Autodidacta, fai seu o dito de Borges: “El arte no puede enseñarse, se puede enseñar el amor al arte”. Tampouco a súa innata curiosidade, nin o polvoriño de ideas que o reclaman con insistencia. Nin a súa insubornable concepción estética. Signo dos tempos: se o proceso artístico en Michelangelo consistía na liberación da imaxe durmida dentro do bloque de mármore, en Nuco a idea nace xa cicelada, espida, para logo ser revestida de tules conceptuais con precisión de cirurxián.

Escultura pois figurativa pero non naturalista; esquemática e á vez  simbólica; caricaturesca mais tamén conceptual. Sen adobíos pero redonda de ideas e arquetipos. Coa súa aparente planitude e frecuente inacabado, logra Nuco provocar e introducir na obra o espectador, que vai ser, á fin, quen substancie, cualifique e finalice o labor inconcluso. Unha proba talvez de humildade contra a soberbia dos ignorantes e a suficiencia dos necios.

Porén, na obra de Nuco hai claridade e rigor expositivo, sempre na procura da esencialidade, do detalle significante, do xesto definitorio, con magnitudes mínimas de materia e máximas de contido. Esquematismo tridimensional. E para atrapar a 3D apela a un lector amigo, intelixente, conivente e copartícipe.

Este Colo materno, escultura etérea, exquisita filigrana no ar, representa a eterna realidade dunha Maternidade, incipiente, o mellor paradigma do aquí exposto: un intervalo de liñas, baleiras de espazo e de tempo, cun corazón a bater cheo de vida e futuro. Unha icona de historia agochada, perfil fuxidío que nos regresa á Mai neolítica, Deusa da fertilidade. Intuímos un xesto de amor transcendente nesa inclinación da ollada, e nas plácidas mans sobre o ventre…, que son protección e inquietude. Tamén unha íntima espera ancorada coa proa á esperanza.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *