Eme Cartea. Daquela exposición do verán de 2021 que pasou polo Centro Lustres Rivas de Ribeira —Estirpe de Poseidón II—, é este lenzo que hoxe nos convoca, entre a sorpresa e a fascinación. Sorpresa por descubrirmos un pintor dun inmenso fervor polo detalle e a meticulosidade austera; fascinación pola redondez e acabado da obra.
Porque na obra de Carlos Pereira hai máis do que un ve. E mesmo que a parte oculta é o que importa, e non tanto o visible, susceptible sempre de ambivalencias interpretativas. Isto acaece cando a obra pasa de ser fin e se converte en medio, dando orixe a unha peculiar atmosfera que transcende a realidade.
Talvez a Carlos lle veña de aí ese certo pesimismo vital baudelairiano, esa paciencia contemplativa, raiana coa devoción, que transmuta a arte en instrumento de glorificación, a tal «sermón gráfico» pintado que traspasa as aparencias para adquirir esa pátina propia e secreta dun persoal credo ou experiencia relixiosa.
Todo: motivo, patrón repetitivo e ritmo da composición falan de pintura esencialmente simbólica. O círculo (tondo, rota mundi ou «roda da vida») lévanos á idea de perfección, totalidade, unidade, absoluto, sol dador de luz e vida. A vieira (Venera), «cuncha de Venus», fertilidade, renacemento-resurrección. O octopus («polbo»), suxire intelixencia, vontade, maxia, razón, adaptabilidade, renacemento, misterio. O número 8 fala de equilibrio, infinito, coraxe, poder, conexión entre os mundos físico e espiritual. O ollo connota coñecemento, providencia e orientación divina: «omnisciencia de Deus »ou «principio creador do universo». A floriloxía proponnos pracer, serenidade, beleza. A repetición de motivos (formas, cores, tons) promove o equilibrio, a harmonía e a unidade.