Galicia e os galegos na poesía castelá CLXVIII. Vagos ecos no duque de Rivas

04-angel_de_saavedra_duque_de_rivas_sRomán Arén. O duque de Rivas, Ángel Saavedra Ramírez de Baquedano (1791-1865), cordobés, é unha das figuras salientables do Romanticismo español, tan serodio, pero pervive pola peza teatral Don Álvaro o la fuerza del sino (1835), aínda representada en 1983 e reeditada sempre, e por algúns dos seus romances históricos nas antoloxías. Menéndez Pelayo, con sutileza, dicía que o seu talento era fundamentalmente o dun narrador, quer na poesía, quer no teatro. Non ía de todo desencamiñado, pois domina ben os elementos narrativos. Tamén foi poeta lírico, primeiramente entre o neoclasicismo e o rococó, e logo vagamente romántico en poemas como “O faro de Malta”.

Citou Galicia ou algún personaxes galego? Revisei as súas Obras completas, editadas en seis tomos en 1854 e só atopei vagas alusións que teñan algo que ver connosco. Así, nun dos seus poemas narrativos, “El paso honroso”, cita o apóstolo Santiago, mais como patrón de España:

Quince soles sin falta antes del día/Del gran patrón y apóstol de la España,/Y otros quince después mi compañía/Mantendrá con sus armas la campaña.

En 1814, no poema “España triunfante” enumera as batallas gañadas polo españois contra Napoleón, entre elas Pontesampaio:

Tamames, y Abisval, y Talavera,/y Chiclana, y Valencia, y Arapiles,/y donde fue Manresa desgraciada,/y Lería y Sampayo, y Albuhera,/Campos de horror a los traidores viles,/que osaron profanar la patria amada…

No titulado “Al mismo asunto”, tamén de 1814, cambia algúns topónimo pero permanece Sampaio:

Bailén, y Talavera,/Tamammes, Abisval, Heras, Chiclana,/Sampayo y Albuhera:/¡Ay, que la voz humana,/Que intenta pronunciaros os profana!

O duque de Rivas participara de forma heroica na Guerra da Independencia e fora ferido de gravidade na batalla de Ocaña, e de novo mancado na batalla de Chiclana en 1811. Reposto no trono Fernando VII, retírase do exército como coronel de cabalaría. Deputado liberal en 1820, cando regresa o absolutismo en 1823 será condenado a morte e ten que exiliarse en Londres con Esproceda, Alcalá Galiano, José J. De Mora e outros moitos. Logo pasa a Malta e alí compoñerá “El moro expósito”. En 1830 instálase en París e contacta co romanticismo francés, e en 1833, coa morte de Fernando VII, regresa a España. Agora será xa sempre un moderado, e chegan as distincións e os cargos: vicepresidente do Senado, embaixador, ministro de Gobernación, presidente do Goberno por vinte e catro horas, membro do Consello de Estado, primeiro presidente do Ateneo, presidente da Real Academia Española en 1862, membro da Real Academia da Historia e da de Belas Artes de San Fernando, condecoracións (o Toisón de Outro). Non só cultivou a poesía e o teatro, senón tamén a prosa:: relatos de viaxes, discursos académicos, artigos de costumes, ensaios históricos…

En 1957 editáronse as súas Obras completas, pero en 1926 xa Gabriel Boussagoe publicara a súa biografía en francés. A gloria, sen embargo, e nisto hai unha unanimidade crítica, veulle pola peza teatral Don Álvaro o la fuerza del sino.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *