Deber de Baltar

DeberdeBaltarPilar Sampedro. Deber de Baltar é unha exposición comisariada por Pepe Barro e inspirada no libro, Un señor elegante, de Suso de Toro.Suso abriu a porta. Escribiu unha novela que era a biografía dunha familia (os Baltar), co foco nun dos seus membros (Ramón Baltar). O relato navegaba entre o narrador autor e as persoas ás que pedía datos, o que lembraban (a memoria: esa sinceridade enganosa), o que investigaba e como se sentía el tamén… o que escribe a vida dos demais cando eles pisaron a súa cidade, coincidiron uns anos e foron máis ou menos admirados.

O autor, home do seu tempo, fai recoñecemento dunha familia ligada a Compostela, esas familias de referencia no campo da medicina dunha cidade que foi referente sanitario para o país e máis alá. O pai, Ángel, e o fillo, Ramón, directores do Hospital Real (hoxe Hostal dos Reis Católicos). Magníficos profesionais que non obtiveron todo o éxito merecido. Médicos comprometidos co sistema sanitario e coa saúde dos cidadáns, coa mirada posta tamén nos que non podían pagar e incluso nos perseguidos polo franquismo aos que había que curar ás agachadas. A moitos de nós a novela de Suso de Toro descubriunos un irmán que vivía no exilio interior, pois eramos coñecedores do outro, do que andaba por Arxentina fuxindo á morte que o fascismo tiña reservada para el.

Pepe Barro decide levar a cabo unha exposición sobre a familia. Para iso segue o relato da novela e mostra os seus documentos e obxectos, a biblioteca Baltar sita no Museo do Pobo Galego, os mobles, os relatos, o ex libris que lle realiza Urbano Lugrís… Faino na cidade que eles viviron e onde residen moitos dos seus descendentes, coa mirada posta nos paraísos perdidos de Tanxil e A Amañecida. Unha familia ligada á cultura, á nosa (Rosalía, Castelao, Dieste…) e á europea (de onde recibe as publicacións) e comprometida cultural e socialmente. Unha familia que se sente con deberes máis alá dos dereitos, representando o mellor dunha clase social.

Temos a exposición, temos o libro, temos a familia (incluso os personaxes do libro), temos a cidade… e isto daría para moito aproveitamento. Polo menos deámoslle difusión para que a xente do Barbanza, os de Rianxo e os composteláns acudan a vela antes do peche.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *