Orfandade, ferida oculta

O Andel. Murmurius_de_ausentesRomán Arén. Déixome levar, dialogo co libro, ergo: fago a deostada crítica “impresionista”. Hoxe o recensionador dialoga co libro e consigo mesmo, non é xa notario de verdades. Tras a primeira cata no profundo, o lector que son agora pensa nas pedras de Caillois e nos velenos de Gamoneda, e alédase de topar o francés e os velenos. Quere fuxir da falacia autobiográfica e sabe que toda poesía tenta o diálogo co nós, malia a dificultade. Só no recordo se pode crer, na creación, con ironía, en diálogo ata con Bécquer (“do salón e no ángulo escuro) ou Pavese (“virá a morte e terá os teus ollos”). Ausencia, diálogo ou lamentación: “canto ten de intermitente unha / ausencia?”. Ferida oculta que todos temos, orfandade (“Certo que non has volver?). Todo é, no profundo, analepse, baleiro diante da banalidade. Só os perdedores están “para proporcionar alivio”. A voz do poemario faise a pregunta de todos: “Que temos acadado? O conforto? Nada que non tivésemos no colo da nai algúns”. Só iso, antes da desaparición. A auga como metáfora, o sarcasmo e a retranca como reflexión, o compromiso moral contra a estupidez, a riqueza lingüística como xogo cos límites e a soleira da nada. A relixión e os seus ritos (xa perdida), e o seu eco como xogo cruel. Unha viaxe ricaz para o lector, un reto lingüístico, a poesía como ferida que proe pero que queda lonxe, alza o voo cara á fin.

Xabier L. MARQUÉS

Murmurios (de) ausentes

Edición de autor, s.l, 2021, 103 p., ilustracións de Fidel Vidal

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *