Manuel Teira, pintor de universos líquidos

manue teiraEme Cartea. A morte das vangardas, coa súa carga lineal de progreso ilimitado e utopía social, dá paso aos posmodernismos, espazos artísticos onde a arte se fai presente sen renuncias ao pasado. Pincelada en liberdade, reflexo dunha sociedade varia e complexa, mais exenta de ímpeto liberador. A plasticidade ao servizo do lenzo, nun buscado equilibrio entre tradición e innovación, que renuncia aos grandes ideais, nun retorno, talvez, da pintura pola pintura.

Nesta “modernidade líquida” na que todo vale inscríbese a plástica de Manuel Teira, que expuxo na Torre Xunqueiras a súa “mirada da luz”, en clara vindicación do individual e do local fronte ao universal, nun agora de compracencias sen ataduras ideolóxicas que deixa inferir certo desencanto, e que amplifica a fin dos grandes metarrelatos. Obra de subxectividades e lexitimación de discursos duais, que invita á pluralidade interpretativa.Un ilustrativo epítome do seu quefacer actual.

Tomamos como referencia o lenzo “Orixe”, que supón certa ruptura na súa andaina creadora, máis figurativa. Obra esta de automatismos violentos, na que a enerxía psíquica devén indescifrable rede de fíos nerviosos e xestuais. Nela, o pintor, posuído do seu propio ritmo, baléirase enteiro, e a intuición creadora faise inmediatez e parte instantánea do cadro nun xogo de resonancias surrealistas, onde o espírito do fortuíto e da improvisación remodela o alento da action painting. Acto non tanto estético coma de pura convicción, no que os arabescos instintivos trazan unha atmosfera ricaz de contrastes tonais sobre un fondo sensible de calidez.e prolongación sinestésica.

Manuel Teira. Foto: Simón Balvís
Manuel Teira. Foto: Simón Balvís

Paisaxe emocional en filigrana que estrema o poder afectivo da cor e dá cohesión ao cadro, nun xogo de formas orgánicas de indómita espiritualidade, cargadas de desexos informes. Mímica do subconsciente, corrida feroz de espermatozoides á caza do óvulo aceso, un big bang estelar de cometas e xeos azuis, a tal danza carnal de “medusa” ou “bailarina absoluta” valeryniana que, voluptuosa, procura a retina indiscreta.

Manuel Teira, liberado do superego imaxinativo, vehemente mais non inocente, porfilla as leis da “pintura automática”, cardiograma en expansión, desbordante de inmediatez, que se esgota en si mesmo e anima o lirismo do azar.

Pintura de harmonizacións inconformistas, impregnada de enigma. Ou, o que é o mesmo, o cadro como eufonía de voces rebeldes e heteróclitas, espido de fraseoloxía e paisaxe mimética, enfrontado á verdade de seu, como unha intrusión no inconsciente, que é colectiva por tan espontánea. A forza do irracional e onírico ao traveso de formas caóticas en equilibrio inconstante. Puro erotismo esencial das “orixes”.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *