Jose Lires. Sorpréndeme a pouca curiosidade que suscita o coñecemento da fracción sólida da Terra tendo en conta a vital dependencia das substancias minerais cociñadas no seu interior. Máis aínda se admitimos esa característica tan nosa de medírmonos en intelixencia e saber ao aproveitar o asunto de actualidade. A erupción do volcán da Palma ofreceunos a escusa para diversificar estudos e facer unha xustificada inmersión nas ciencias xeolóxicas, polo menos para lucir nas redes sociais ou na conversa do bar. E nin así. Optamos por seguir sendo virólogos de salón, afondando na procura dun mestrado en Medicina. Á vista do empacho de novos títulos nos escaparates, as editoriais tamén tiveron claro a que apostar.
Ben. Chegados a este punto confeso que a reflexión anterior é froito dos meus demos internos, eses que afloran de cando en vez reivindicando unha maior atención cara á compoñente inorgánica da Natureza. Si, ho! O substrato rochoso, a face pétrea do planeta, tamén che ten o seu encanto! Crerme.
No primeiro curso da carreira ensináronnos a pescudar nos segredos das rochas. A lección inaugural recibímola no campo, tombados como lagartos soportando o inclemente sol de maio na meseta, cos ollos a poucos centímetros da superficie dun extenso afloramento granítico. A seguinte no laboratorio. Alí, baixo as lentes dun microscopio petrográfico, unha fina lámina de pedra descubría a súa estrutura interna. Naquel pequeno círculo de luz aparecía un fato de minerais de cores, formas e tamaños diversos; entre eles, na maioría das mostras, uns alongados cristais de feldespato.
Os feldespatos conforman un grupo extenso de minerais constituídos por silicatos de aluminio onde silicio, osíxeno e aluminio son compoñentes invariables. Outros elementos da táboa periódica, sodio, potasio ou calcio, danlle apelido á especie. Na serie idealizada de cristalización dos minerais na cámara magmática, os feldespatos non teñen apuro en formarse. Serán dos últimos en abrollar xunto co cuarzo. Así, uns e outros, baixo o nome familiar que os acolle, os silicatos representan os ingredientes fundamentais das rochas da Terra.
Nalgúns tipos de rochas, os feldespatos déixanse abrazar por outros minerais. É o que sucede nos gneis. Nestas rochas metamórficas, que compoñen formacións tan senlleiras como o noso Ollo de Sapo ou os espectaculares penedos do Pan de Azucre e Corcovado no Brasil, as micas, vencidas polas forzas tectónicas e baixo condicións extremas de presión e temperatura, estíranse en bandas envolvendo os feldespatos ata simular unha pel rugosa. A proba irrefutable, a ollos dun xeólogo, de que a engurra é bela. Noutros casos os cristais medran libres no caldo primordial e acadan tamaños considerables ata se converteren en fachendosos grans de xeometría perfecta.
As industrias do vidro e da cerámica son os principais demandantes de feldespato. Porén, na vosa boca tamén os podedes atopar, pois en odontoloxía recórrese ás denominadas porcelanas dentais feldespáticas de gran dureza para realizar coroas e pontes. Non hai churrasco que se lles resista!
Permitídeme un apunte final en prol de recoñecerlle un indicio de galeguidade ao mineral descrito: lembrade que unha das rochas máis significadas do país, a variedade de granito bautizada comercialmente co nome de Rosa Porriño, debe a súa distintiva cor a estes parentes menos afamados do cuarzo, os feldespatos.