Vitralista

«Bailarina alegría» é unha peza singular, contemporánea, de María Goretti Bello.

«Bailarina alegría» é unha peza singular, contemporánea, de María Goretti Bello.

Eme Cartea. Nacida en Australia, de familia ribeirense, María Goretti é unha artista internacional, perseverante e poliédrica que leva máis de 30 anos a crear en distintas técnicas (óleo, acrílico, vídeo instalación, performance), estilos e materiais. Hoxe, a súa gran paixón é o vidro, o que lle permite xerar sorprendentes sensacións visuais mediante a harmonía e o contraste tonal, a forza simbólica da forma e da cor como terapia, e dos «lugares de poder», conxunción enerxética e desfrute entre o espectador e a obra.

María Goretti sérvese das calidades do vidro á vez fráxil e duro, pero sempre versátil e lucente, e a maxia do brillo e esa translucidez fan que manipular este material sexa como modelar a ardentía na tona do luar. A «vidroarte» utiliza vidros coloreados ensamblados nunha rede de chumbo, manifestación artística medieval, que acada o seu apoxeo nas vidreiras catedralicias góticas, e permanece sen grandes innovacións. A súa transparencia vaille outorgar abraiantes posibilidades visuais dependendo do ángulo de focalización e do punto de observación. Neste caso, un traballo d’avant-garde modernista, en frío.

Formas varias

O vidro capta o fulgor que o atravesa e dá lugar a unha sucesión de formas varias, móbiles e cambiantes, en función da particular intensidade e traxectoria da luz e da pureza das cores que a retina é quen de recrear e reter. Por iso, Bailarina alegría ocupa o punto álxido, a clave entre o mundo real e o espiritual, entre o sensorial e o simbólico, e xera lazos de emoción e alegría que nos conmoven e nos moven.

Esta peza singular, contemporánea, de María Goretti, ten, de entrada, un título suxestivo e orientador: Bailarina alegría: danza, «linguaxe do corpo», arte viva e efémera, paixón rítmica e espazo de ficción para a fantasía e o gozo. O corpo como materia prima convertido en arte. A bailarina que baila o solto, embebida de vida, romaría e carnaval, ou que debuxa unha muiñeira con mestría e donaire após talvez a vendima, a malla ou a debaga. Pero, de afiarmos o oído, sentiremos a música estimulante de fondo que converxe co latido interno corporal neste allegro explosivo de emocións e sentimentos, con fins artísticos, sacros, recreativos ou propiciatorios.

Técnicas da orixe

María Goretti ofrécenos unha narrativa familiar coa técnica das orixes: a da vidreira policromada de igrexas e catedrais medievais. Pero nin vidreira nin motivo bíblico; nin pinturas nin esmaltes: só linguaxe ocular, conxunción de formas orgánicas e xeométricas (propias do modernismo e da art déco), presentación en mosaico teselado. A muller, figura cromático-visual e curvilínea, feita de sensualidade, vitalidade e asimetrías, centro neurálxico de todas as enerxías e olladas.

Unha peza diáfana, cristalina, transparente, nada para ser colgada, que se inspira no xeito en que a luz se fai calidoscopio e se rompe en distintos gradientes de cor suxestiva. A materia dos soños!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>